Reclaman o amaño da ponte que comunica Outeiro con Lugo en Ombreiro

Reclaman o amaño da ponte que comunica Outeiro con Lugo en OmbreiroO grupo provincial popular presentará unha iniciativa na Deputación para demandar o amaño da ponte sobre o río Narla na estrada LU-P-2905, en Ombreiro (no termo municipal de Lugo), moi preto do límite co de Outeiro de Rei, que, polas deficiencias que presenta, só pode ser utilizada por vehículos de menos de dez toneladas. Así o adiantaron nunha recente visita á ponte o portavoz popular, Javier Castiñeira, e os deputados José Pardo Lombao, alcalde de Outeiro de Rei, e Óscar Poy, concelleiro en Lugo. A ponte, moi estreita e en curva, é escenario de incidentes de tráfico con certa frecuencia, do que dan testemuña os restos de faros de coches que quedan no chan. O acceso desde Ombreiro está sinalizado de modo cando menos curioso, se ben queda claro que está prohibido o paso a vehículos de máis de dez toneladas. Tamén desde o lado de Outeiro de Rei se indica dita limitación. Nun punto da ponte hai valos para protexer a zona no que se produciu un afundimento.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Na liña de visitas a todos os concellos da provincia que está a levar o grupo popular, esta semana estamos en Ombreiro, parroquia do Concello de Lugo que limita co concello de Outeiro de Rei. Visitamos a estrada LU-P-2905, que ten un pavimento moi mellorable, pero ten un problema maior: unha vez máis, atopámonos cunha ponte, de trazado sinuoso, perigoso, limitada, debido ás deficiencias que presenta, a vehículos de menos de dez toneladas”. Explica: “Puidemos apreciar restos de diferentes accidentes que se dan case de maneira semanal. Igual que fixemos no pleno deste mes denunciando que a ponte de Uriz está limitada a dez toneladas, como denunciaron os veciños, e recibimos unha resposta positiva por parte do bipartito, porque parece que decretou a contratación dunha asistencia técnica para buscar solucións, que é o que pedimos nós e os veciños; pois queremos que faga o mesmo con esta ponte sobre o río Narla, que trate de buscar solucións, ben sexa mediante contratación dunha asistencia técnica ben mediante os propios servizos técnicos da Deputación”.

Castiñeira sinala: “É necesario buscar unha solución, e non vale a máis fácil e barata que é limitar o paso de vehículos. O goberno provincial di que quere fomentar o rural, pero se no rural non poden circular vehículos pesados polas estradas provinciais, pois non fomentamos nada. Alegrámonos de que o bipartito acceda á petición do Partido Popular en relación coa ponte de Uriz, aínda que sexa tarde; esperamos que no que se refire á ponte sobre o río Narla, en Ombreiro (Lugo), tome a mesma decisión que se aplicou para a de Uriz”. Engade: “Esperemos que o goberno da Deputación non siga con ese costume de pretender solucionar os problemas estruturais das pontes poñendo dúas sinais de limitación de tonelaxe, con mínimo custo para a Deputación pero un alto custo para a economía dos concellos afectados, dos veciños e das empresas, que non poden usar infraestruturas que deben servir para comunicar o rural da nosa provincia”

Etiquetas