Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

Abre o prazo para a segunda das liñas de axudas do Plan de rescate da Xunta

Por 27 Novembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

Abre o prazo para a segunda das liñas de axudas do Plan de rescate da Xunta

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das dúas liñas de axuda que faltaban por activar -microempresas e autónomos con persoal a cargo; e establecementos hostaleiros- dentro do Plan de rescate da Xunta de Galicia para apoiar aos sectores máis afectados pola covid-19 e que conta cunha dotación total de 84 millóns de euros.

A partir de mañá e ata o próximo 28 de decembro poden solicitarse estas axudas. Por un lado, microempresas e persoas autónomas con persoal contratado, así como estes colectivos e pemes de sectores especialmente paralizados (lecer nocturno, atraccións de feria e determinadas actividades como transporte, axencias de viaxe, cines, comidas preparadas para eventos, parques de atraccións, etc.) poden solicitar contías que irán dos 4.000 aos 5.000 euros, segundo o caso. Para acceder as mesmas deben ter ou ter tido autorizado un ERTE pola covid-19 desde a declaración do estado de alarma e aportar perdas de polo menos o 45% por mor da pandemia. Como contraprestación, os empresarios deberán comprometerse a manter o emprego 6 meses.

En canto ao sector hostaleiro, as axudas específicas para os establecementos pechados desde a implantación das medidas sanitarias do pasado mes de outubro beneficiarán a persoas traballadoras autónomas (con ou sen persoal contratado), microempresas e pemes inactivas durante un mínimo de quince días nos dous últimos meses. Ademais dos negocios de comidas e bebidas, estes apoios ábrense aos hoteis, hostais, casas rurais e outros aloxamentos situados nos concellos afectados polos peches perimetrais.

No caso dos hostaleiros, as axudas concederanse por establecemento e serán de 1.500 euros por mes de paralización da actividade desde o mes de outubro. Se os candidatos son empresarios con 10 ou máis traballadores percibirán a cantidade de 2.000 euros por mes de peche, ou a parte proporcional en ambos os dous casos se a actividade permaneceu parada por un período menor, nunca inferior aos quince días.

PRIMEIRA LIÑA

As axudas convocadas hoxe véñense sumar ás xa publicadas o pasado 18 de novembro dirixidas a dotar de maior liquidez ás persoas traballadoras autónomas con ou sen persoal ao seu cargo, que aínda se atopan co prazo de solicitude vixente ata o próximo 18 de decembro. Neste caso, pídese que estean dadas de alta no réxime específico de traballadores por conta propia ou no réxime de traballadores do mar, que teñan o domicilio fiscal en Galicia e ter recoñecido o cese ordinario ou extraordinario do Real Decreto Lei 30/2020. Neste caso, os perceptores deberán manter a actividade económica dada de alta durante dous meses desde a publicación da orde.

Con Plan de rescate, a Xunta pretende contribuír ao mantemento do emprego e da actividade económica de 30.000 persoas traballadoras autónomas e de 10.000 microempresas, así como apoiar a actividade dos establecementos da hostalaría afectados polos peches recomendados polas autoridades sanitarias nos concellos que, no peor dos casos, mantense inactivos desde o pasado mes de outubro.

Todas as axudas son complementarias e acumulables entre si polo que, no caso dos autónomos con establecementos hostaleiros, as contías das axudas poderán oscilar entre os 6.700 euros ata os 9.200 euros, cifras que sitúan a Galicia á cabeza das comunidades autónomas en canto aos apoios dispensados a este sector.

O plan de rescate deseñouse en colaboración cos colectivos profesionais e sectoriais. No caso dos hostaleiros, este acordo referendouse nun documento conxunto asinado por representantes da Xunta e a Mesa de negociación da hostalaría de Galicia -na que están representadas as asociacións provinciais- máis o Clúster de Turismo.

A Xunta avogou por un mecanismo de tramitación sinxelo para as axudas, electrónico e por medio dunha declaración responsable dos candidatos. Ao se tratar dun sistema áxil, estímase que as primeiras contías poderán chegar aos seus destinatarios nas próximas semanas de decembro.