Skip to main content
ActualidadeAs PontesSecciones TerraCháXAZonas LUGOXAZonas TERRACHÁXA

As Pontes aposta pola seguridade alimentaria nas feiras

Por 27 Novembro, 2020Sin comentarios

As Pontes aposta pola seguridade alimentaria nas feirasO Concello das Pontes, a través da Concellería de Comercio, liderada por Elena López, aposta pola seguridade alimentaria no mercado dos sábados e feiras quincenais como medida para faciltar, ás agricultoras e agricultores do municipio e da comarca, a venda directa da súa produción ás persoas consumidoras e, ao mesmo tempo potenciar a economía local.

Así, a comezos do 2020, púxose en marcha unha mesa de traballo, na que participan o Concello das Pontes, a Área de Servizos Agrarios de Ferrol e os produtores e produtoras usuarias do mercado municipal, para analizar as necesidades e coñecer as demandas do sector así como ofrecer asesoramento sobre a normativa de venda directa da Xunta de Galicia co propósito de mellorar o control da actividade, potenciar a súa imaxe e garantir a seguridade dos produtos que se venden no mercado de proximidade das Pontes.

Elena López, indica que, “ tras estes primeiros encontros, ante as dúbidas que existían sobre a regulación de venda directa e coa idea de que novas persoas produtoras se poidesen incorporar a este mercado, dando aos produtos locais o protagonismo que merecen e convertelos nun recurso económico rendible, desde o Concello iniciamos unha campaña para promover a inscrición na sección de venda directa (Sevedi) do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) para dar cobertura legal á actividade e garantir a seguridade alimentaria dos compradores e compradoras”.

Na actualidade son 12 os produtores e produtoras locais rexistradas neste rexistro que garante a seguridade dos produtos en todo momento, axudando ao control e resolución de calquera posible incidencia. Cada produtor rexistra de forma individual cada venta, anota o tipo de produto que vende, a cantidade, o lugar; datos que permiten manter un control sobre as súas vendas e garantir a seguridade dos seus produtos.

“O compromiso do Concello das Pontes é apoiar, en todo momento, ao noso tecido comercial, especialmente aos pequenos e pequenas produtoras que ofrecen os seus produtos no mercado de proximidade. Con este tipo de accións buscamos que o mercado do sábado sexa coñecido pola súa calidade, continuando co servizo que veñen prestando desde fai ano, con todas as garantías; impulsando a venda de productos de km0 e ecolóxicos, producidos polos nosos veciños e veciñas” subliña a concelleira de Comercio.

A concelleira tamén indica que “Queremos ademais trasladar á veciñanza que as compras que realizan no mercado dos sábados non só impulsan o sector primario e a produción local senón que ademais reverten directamente no noso municipio xerando economía e postos de traballo”

Por outra banda, o Concello das Pontes realizou cambios na localización do mercado permitindo á instalación de postos fóra do edificio do Mercado Municipal, nun espazo cun importante tránsito de persoas co obxectivo de aumentar a súa visiblidade e garantir, ao mesmo tempo, o cumprimento das normas sanitarias establecidas como consecuencia da Covid 19, protexendo a saúde das persoas vendedoras e compradoras.