Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

BFAero escolle estes días os 28 proxectos finalistas do sector aeronáutico

Por 27 Novembro, 2020Sin comentarios

A aceleradora do sector aeroespacial Business Factory Aero (BFAero), impulsada pola Xunta de Galicia no marco do Polo Aeroespacial de Galicia en Rozas, vén de seleccionar 28 proxectos finalistas de entre as 85 candidaturas que se presentaron á fase de selección da súa terceira convocatoria.

Estas 28 propostas vinculadas ao sector aeroespacial e dos vehículos non tripulados poderán defenderse entre hoxe e o luns 30 de novembro nunha entrevista técnica e pitch online ante o Comité Executivo. O martes 1 de decembro daranse a coñecer os sete proxectos que finalmente entrarán nesta terceira edición da aceleradora, tres deles en fase de incubación e catro en aceleración.

Galicia é a comunidade autónoma que máis proxectos achega nesta fase final, con dez (catro da provincia de Pontevedra, tres da Coruña e tres de Lugo). Os restantes proceden de Madrid (7), Cataluña (3), Comunidade Valenciana (3), Castela e León (2), Asturias, Euskadi e Aragón, cunha candidatura cada unha.

No referente ao tipo de programa ao que optan, a metade, 14, aspiran a entrar na fase de incubación e os 14 restantes na de aceleración. En canto ás áreas temáticas dos finalistas, destacan os proxectos relacionados coas tecnoloxías habilitadoras e co tratamento de datos e información, seguidas da automatización, cargas de pago e sistemas, deseño e produción, navegabilidade e fabricación. Tamén hai un proxecto finalista da nova área introducida nesta convocatoria para solucións contra a covid-19.

Os promotores de BFAero destacan o alto nivel técnico e calidade da maioría das 85 candidaturas empresariais presentadas nesta edición, o que fixo que excedesen o número mínimo de proxectos finalistas establecido nas bases da convocatoria. As normas contemplaban unha selección dun mínimo de 12 propostas finalistas (dúas delas elixidas por votación popular na web e 10 delas seleccionadas polo Comité Executivo). Finalmente son 28 os proxectos que pasan á fase final (os dous da votación popular máis 26 que pasaron a primeira criba do Comité).

Os resultados desta terceira edición confirman o interese que esperta un sector en auxe como o da aeronáutica e os vehículos non tripulados. En apenas dous anos, BFAero lanzou tres convocatorias nas que se presentaron 179 candidaturas, a metade delas (89) procedentes de Galicia. Estes datos reforzan o importante papel do Polo Aeroespacial da Xunta de Galicia para reter e captar talento na comunidade galega, que conseguiu converterse xa nun polo de referencia en España que resulta de interese para os emprendedores deste sector.