--->https://galiciaxa.com/?p=78822 O alcalde de Cospeito contesta ao PSOE que non haberá axudas nin rebaixas de impostos pola covid - Terrachaxa.com

O alcalde de Cospeito contesta ao PSOE que non haberá axudas nin rebaixas de impostos pola covid

O Pleno do Concello de Cospeito centrouse esta semana en diferentes trámites polo que o tempo principal dedicouse unha vez máis ás 11 preguntas que presentou o grupo socialista ao Pleno, moitas delas repetidas de anteriores edicións e que non recibiran contestación.

O PXOM volveu sacarse a colación xa que o PSOE quería saber como avanza o proceso por parte do equipo redactor e se están resoltas as alegacións. O alcalde asegurou que están nas mans do equipo redactor as 500 alegacións pero que nada se sabe. “A situación é preocupante, o tempo que levamos esperando. Vemos que non se avanza e seguimos pendentes de que se convoque unha comisión de urbanismo para comentar esta situación”, indica a voceira socialista, Rosa Morán.

A situación da covid-19 no Concello volveu ser tema do día. O alcalde anunciou que a situación está controlada non Concello pero indicou, a preguntas do PSOE, que non hai previsto poñer en marcha ningún tipo de axuda para os negocios locais, nin baixada de impostos “tal e como veñen facendo noutros concellos”, explica Morán. “Criticamos porque Cospeito é un dos poucos concellos que non fai nada. Cremos que é o momento de solidaridade e apoio, xa sabemos que as axudas non solucionan a vida a ninguén pero son unha aportación importante que indica que o Concello está aí e vemos que aquí non se fai nada. Esperamos que ao final se tome algunha medida”, engade.

O Concello tamén asegurou, á pregunta socialista, que se fará unha campaña para indicar aos veciños que se manteñan as restricións e o coidado no tempo de matanzas para o que se farán bandos. Tamén lles informaron de que non se celebraron xuntas de Goberno dende o mes de xullo “porque non había necesidade, non había temas a tratar”. Tamén afirmaron que as obras que se están a realizar na Lagoa están financiadas pola Xunta de Galicia e se corresponden a arranxos de miradoiros e de mobiliario e zonas deterioraras.

VELUTINAS

Por outra banda, si foi satisfactoria a resposta que lles deron sobre os traballos de erradicación dos niños de velutina, un labor que se realizou de forma constante nos últimos meses, incluso durante a pandemia. En total veñen eliminando entre 9 e 10 niños á semana.

O PSOE tamén lembrou que a estrada que vai dende Os Curros ata a Ponte do Somo continúa nas mesmas condicións. É dicir, non se realizou ningunha obra de acondicionamento (non se botou grixo nas fochancas), tal e como se dixo no derradeiro Pleno. O Concello avanzou que esta pista está englobada dentro das obras do Plan Único pero aínda non está licitada. Aínda que estaban comprometidos a facer un amaño provisional este non se fixo “porque hai outras pistas que non están en ningún plan e esas foron as primeiras”. Asegurou o alcalde que se fará esta acción nos próximos días e que se licitará a obra no ano novo.

Os socialistas preguntaron polos plan do Concello para desenvolver a banda ancha debido aos problemas que existen en diferentes parroquias ao que o Concello lembrou que “necesitan que se fagan peticións e que é previsible que nuns meses vaia chegando a máis zonas”. Feira do Monte e Muimenta xa teñen banda ancha, “hai previsión de chegar ao resto pero leva o seu tempo”, subliñou o alcalde.

O PSOE local insistiu tamén na situación da planta de compostaxe. Aseguraron que xa están ao día nos pagos dos recibos de auga e lixo tal e como demandaron os socialistas en plenos anteriores e están co tema do IBI. Sobre os cheiros que desprende a planta, Rosa Morán asegurou que “non nos aporta moitos datos pero a situación empeora e os cheiros chegan a parroquias que antes non tiñan ese problema como Pino e Sistallo e a xente segue a queixarse”.

Volveron tamén a demandar os contedores para a parroquia de Pino, ao que o Concello contestou que se colocaron 20 en diferentes zonas pero que en Pino non os consideraron necesarios aínda que os socialistas esperan que se coloquen xa que en moitas ocasións o contedores están a rebosar.

Tamén volveron a falar das obras que a Xunta de Galicia realiza na estrada que vai de Pino a Cospeito, asegurando a discriminación dos arranxos das entradas das casas, xa que nalgunhas botaron formigón e noutras grixo “o que é discrimintario”. O Goberno local asegurou que as obras non se recibirán ata que non estean en condicións e que será a empresa executora a que terá que explicar os feitos e arranxar os que esté mal.

 

Etiquetas