Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

A Deputación acorda a extinción de Suplusa

Por 1 Decembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

 A Deputación acorda a extinción de SuplusaO Pleno da Deputación de Lugo aprobou este luns, nunha sesión extraordinaria, a extinción da Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa). “Hoxe é un bo día para a Deputación de Lugo, e, polo tanto, un bo día para os concellos, para o tecido económico e para os veciños e veciñas da provincia. Afortunadamente, xa non quedan chiringuitos na Deputación. Pechamos un capítulo que consolida a normalidade e a tranquilidade nesta institución, que será máis eficaz e máis útil para a cidadanía, e terá un maior control dos fondos públicos e maior transparencia”, subliñou a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, manifestou que “este día non pode ser máis transparente, claro e cristalino, xa que diante de todas as persoas esta institución adopta esta decisión. A Deputación de Lugo xa non vai ter dor de cabeza por un organismo anacrónico debido ás alegrías políticas do PP, porque Suplusa chegou a onde chegou grazas a un circo inaceptable dos populares”.

“Foi un proceso impecable, con todos os informes técnicos favorables, en tempo récord -14 meses-, que garantiu todos os postos de traballo nas mesmas condicións e no que todas as decisión se tomaron por unanimidade, dende o principio ata hoxe, cando o PP decidiu romper o consenso”, explicou García Porto.

O acordo plenario aprobado hoxe inclúe dous puntos: un para aceptar a proposta da Comisión Liquidadora de extinguir Suplusa; e outro para aprobar a propia extinción de sociedade mercantil en función dos informes favorables dos técnicos da institución, co que iso leva consigo: a incorporación dos dereitos e obrigas da entidade na Deputación, a subrogación dos catro traballadores que quedan no sociedade, e, no referente aos convenios subscritos por Suplusa con diversos concellos, aterse ao disposto na Lei e no propio clausulado dos convenios. O primeiro dos puntos obtivo 13 votos a favor do PSdeG e do BNG e 12 abstencións do PPdeG e, pola súa banda, o segundo punto, obtivo 13 votos a favor dos socialistas e nacionalistas e 12 en contra dos populares.

Polo tanto, nunha actitude totalmente contraditoria, o Partido Popular abstívose na proposta da Comisión Liquidadora de extinguir Suplusa da que formaba parte propia formación política e, acto seguido, dixo non a que a Deputación extinga a sociedade conforme aos informes técnicos, todos favorables. “O intento de enredar, fóiselles das mans”, asegurou a voceira socialista sobre o comportamento dos populares, que participaron e apoiaron todas as decisións sobre SUPLUSA ata agora.

O Partido Popular votou a favor da disolución da sociedade mercantil no Pleno no que se iniciou o proceso, o día 12 de setembro do pasado ano, e mostrou o seu conforme coas decisións da Comisión Liquidadora asinando todas e cada unhas das actas das 30 reunións que mantivo este órgano. Tamén apoiou a proposta final da Comisión na que propón ó Pleno da Deputación a extinción de Suplusa.

O PP emendouse a si mesmo

“Por que o PP se emenda a si mesmo? Queren, agora, manchar o que foi un éxito rotundo, un proceso de liquidación impecable e de total consenso porque pretenden seguir agarrándose a Suplusa, que tantas alegrías lles deu, para seguir atacando ó Goberno. Pero este Goberno non llelo vai permitir. Xa non teñen chiringuitos para manipular. Suplusa acabouse. O pesadelo rematou”, recalcou Pilar García Porto.

A tamén deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo incidiu en que coa extinción da sociedade mercantil “cumprimos un acordo de Goberno e un acordo do Pleno”. “Extinguimos unha sociedade que, se ben no seu día e durante moito tempo, foi útil a esta provincia, nos últimos anos converteuse nun problema grave ao actuar, non só á marxe da Deputación, senón indo en contra dela, a súa institución matriz e socia única. Polo tanto, deixou de ter sentido”, afirmou.

Como socia única e sucesora universal de Suplusa, a Deputación herda todos os seus dereitos e  obrigas: Faise cargo dos bens inmobles de Suplusa, cun valor de taxación que ascende aos 14,3M€, e ingresará unha liquidez de 4,3M€, cantidade que pasará a un fondo para facer fronte ás responsabilidades e obrigas pendentes da sociedade mercantil e, si quedara algún, pasará a remanentes da Deputación do próximo exercicio económico.

Convenios para polígonos

A Deputación asume a prestación do servizo en termos de urbanismo, que é o único que ofrecía xa SUPLUSA, despois de que no ano 2018 se lle retirase o de xestión dos Centros de Atención a Maiores e, a finais do ano pasado, se encargase á empresa pública Tragsa o mantemento e conservación de zonas verdes.

Con respecto aos convenios de Suplusa con diversos Concellos da provincia, tal e como se aprobou no Pleno de hoxe seguindo o disposto nos informes técnicos, “a Deputación cumprirá co que di a Lei e co disposto no clausulado dos convenios. Iso é o que din que debemos facer os informes técnicos, e nós cumpriremos escrupulosamente coa Lei, aínda que ao Partido Popular non lle guste”, asegurou García Porto.

Mantéñense todos os postos de traballo

A deputada reiterou así mesmo que, en todo o proceso para extinguir Suplusa, “cumprimos co compromiso deste Goberno de manter todos os postos de traballo, exactamente nas mesmas condicións, seguindo as indicacións dos informes de Recursos Humanos. Segundo o criterio dos técnicos, foi unha decisión tecnicamente impecable”.

En canto á compra dunha acción a Tragsa, que converteu a esta empresa pública en medio propio da Deputación, -algo que fixeron unha trintena de administracións en toda España, entre elas a Xunta de Galicia e as comunidades de Andalucía ou Murcia-, e o posterior encargo á mesma da conservación e mantemento de zonas verdes, Pilar García Porto reiterou que “hai un procedemento xudicial aberto polo Partido Popular, e non poden pretender agora preconstruír probas para logo tratar de invocalas en contra desta institución, a favor da súa estratexia persoal”.

Sobre o custe do mantemento e conservación das zonas verdes, a voceira socialista pediu ao PP que deixe de mentir porque a prestación do servizo con Suplusa costáballe á Deputación máis dun millón de euros ao ano, mentres que o encargo a Tragsa ten un importe neste ano de 825.000€, polo tanto, é máis barato.

PARTIDO POPULAR

Minutos antes de comezar o pleno da Deputación, o portavoz popular, Javier Castiñeira, confirmou o voto en contra do seu grupo tanto á disolución de Suplusa, nas condicións en que se pretende levar a cabo, como ao orzamento da institución provincial para 2021.

Castiñeira sinalou: “O grupo provincial do PP vai votar en contra da extinción de Suplusa no pleno de hoxe, mentres non se resolvan os tres aspectos fundamentais. Imos pedir que se deixe este asunto riba da mesa e que se constitúa canto antes unha mesa de negociación para resolver eses tres puntos”. Explicou: “O primeiro é o do persoal, que debe subrogarse á Deputación, como pasou cos traballadores da TIC ou cos do Inludes; por outro lado, a Deputación ten que aclarar que persoa mandou usar a maquinaria de Suplusa por Tragsa sen permiso da sociedade provincial, e esa persoa non pode seguir estando no goberno; terceiro, confirmar a todos os concellos que seguen vixentes todos os convenios establecidos con Suplusa; se non é así, Suplusa pecharase en falso”.

O portavoz popular engade outra cuestión ás tres xa indicadas: “A cuarta cuestión é que pechando Suplusa non se adelgaza a Deputación; o goberno da Deputación é como a xente que ten moita vontade de adelgazar despois das festas, bótalle a culpa aos hidratos de carbono, que neste caso son os que dan enerxía, como é o caso de Suplusa para a administración, e vemos que seguiu engordado, porque comeu de Tragsa”.

Con respecto aos orzamentos, Castiñeira di que para o PP “é imposible aprobalos, porque son orzamentos para outra época, para un tempo sen covid”. Destaca que nas grandes contas da Deputación para 2021, “conxélase o Plan Único, son continuistas e non teñen en conta ao tecido produtivo, nin as condicións económicas que vai sufrir a provincia no 2021”. Explica: “Rebáixase a inversión, case tres millóns de euros, o que é gravísimo; rebaixase tamén un 17% a partida de fomento do emprego e non hai axudas a empresas autónomos e pymes que o necesitan”. Por todo elo, “para o PP é imposible aprobar, porque son negativos para a provincia”.