Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAVilalbaZonas LUGOXAZonas TERRACHÁXA

A Deputación inviste nas obras da vía vilalbesa que une Panchita con Oleiros

Por 1 Decembro, 2020Sin comentarios

A Deputación inviste nas obras da vía vilalbesa que une Panchita con OleirosO presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, responsable directo da área de Xestión Territorial, supervisou xunto á alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, os treitos onde se van desenvolver os traballos de renovación do firme da estrada provincial LU-P-6510, que conecta os núcleos de Panchita e Oleiros, e onde a institución provincial investirá máis de 190.000€.

Tomé Roca explicou que as actuacións se desenvolverán en máis de 4,5 quilómetros desta estrada, entre o punto quilométrico 0 e o 4,55. Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente e a súa correspondente sinalización horizontal, co pintando de marcas reflexivas brancas. O prazo de execución será de 9 meses.

Esta estrada ten moita relevancia social porque conecta as parroquias de Oleiros e Panchita, pero tamén dá servizo á veciñanza doutras parroquias como Nete ou Ladra, e permite unha conexión directa con Cospeito e San Xurxo. Ademais, o Concello está acometendo melloras nas estradas municipais que coliden con esta provincial, polo que se conseguirá unha renovación moi importante das vías de comunicación nesta zona de Vilalba.

O mandatario provincial explicoulle á rexedora vilalbesa que nestes momentos as actuacións están en fase de licitación, polo que agarda que nos vindeiros días lle poida comunicar a adxudicación do proxecto e o posterior inicio dos traballos.

Obras na rede viaria provincial por máis de 3M€

José Tomé subliñou que con todas estas actuacións na rede viaria provincial, a máis extensa de España, con 4.200 quilómetros, e tres veces superior á da Xunta en Lugo, a Deputación de Lugo segue traballando “nun dos nosos principais obxectivos, como é a mellora das comunicacións viarias, necesarias para aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas, e favorecer a igualdade de oportunidades e o reequilibrio territorial”. De feito, o Presidente destacou que, a día de hoxe, a institución ten en marcha obras de mellora de estradas por toda a provincia por un importe que supera os 3M€.