Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXARibadeoTrabada

Tomé defende no Parlamento o modelo das residencias da Deputación

Por 4 Decembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

Tomé defende no Parlamento o modelo das residencias da DeputaciónO presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, compareceu este xoves na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia para presentar os orzamentos da institución para o vindeiro ano 2021, uns presupostos de 92,5M€, aprobados no Pleno o pasado luns, que “responden á realidade provocada pola pandemia” e que, polo tanto, “están centrados nas persoas e na recuperación económica”.

“En tempos de incerteza e tantos cambios”, os presupostos, subliñou José Tomé, ofrecen “estabilidade, rigor e confianza, tanto aos concellos, como ao tecido produtivo e asociativo, e aos veciños e veciñas da provincia”, porque foron aprobados en tempo e forma para que teñan efecto dende principios de ano e polas “políticas e as medidas concretas que recolle o Goberno da Deputación”.

As políticas sociais e de emprego que, con 30M€, representan un terzo do total do orzamento; a cooperación cos concellos; o apoio aos sectores produtivos estratéxicos, como o primario e o turístico; e a mellora da mobilidade son as catro liñas de acción fundamentais do orzamento, segundo recalcou o presidente, quen incidiu, sobre todo, na “defensa do público, con palabras e con feitos” que fai a Deputación e na importancia fundamental do municipalismo para afrontar a crise sanitaria.

José Tomé destacou a conxelación dos soldos dos membros da Corporación provincial no ano 2021: “Xa sei que é só un xesto, pero un xesto que os responsables políticos debemos facer, por responsabilidade e por sensibilidade con tanta xente que o está a pasar mal”.

A aposta do Goberno da Deputación polo público tamén quedou refrendada coa extinción da Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa) nun Pleno o pasado luns, explicou o presidente: “Afortunadamente, acabáronse os chiringuitos na Deputación Provincial de Lugo. Comeza unha nova etapa, que consolida a normalidade e a tranquilidade institucional, e que fará a esta Administración máis eficaz e útil para a cidadanía”.

POLÍTICA SOCIAL

En materia de políticas sociais, o presidente explicou que a Deputación seguirá ampliando a súa Rede de Centros Públicos de Atención a Maiores, que conta cunha partida de 8M€ para o 2021, coa previsión de dobrar o número de residencias abertas, pasando de catro a oito. Así, ás de Ribadeo, Trabada, A Fonsagrada e Pol, que están funcionando a día de hoxe, sumaranse as de Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira e Navia de Suarna. Polo tanto, “duplicaremos as prazas asistenciais ata chegar ás 400 persoas atendidas e duplicaremos os postos de traballo, chegando aos 200 empregos directos, aos que hai que sumar os indirectos”.

José Tomé puxo en valor o modelo de residencias da Deputación, “que se viu revalidado coa chegada da pandemia”, fronte ó da Xunta: “A nosa Rede de Centros Públicos de Atención a Maiores garante o benestar e a tranquilidade dos usuarios e das súas familias. Para conseguilo, aplicamos un modelo de xestión público, de calidade, con atención personalizada, e que mantén o arraigo dos maiores no seu entorno, que crea emprego no rural, que beneficia o consumo de produtos de proximidade para facilitar unha alimentación de calidade e, ao mesmo tempo, axudar á economía local. É un modelo centrado nas persoas, non no negocio”.

O presidente asegurou que “é urxente que a Xunta de Galicia revise e implante outro modelo asistencial. Neste traballo, podémoslle botar unha man. A experiencia demostra que somos un bo espello no que mirarse”.

Aínda que o Executivo galego anunciou que estudiaría un novo modelo de residencias, lembrou José Tomé, “hai só uns días, o presidente Feijóo dicía nunha entrevista que a incidencia da covid non dependía do modelo, de se o centro era público ou privado. Sinto estar en desacordo con el. Eu creo que a realidade dinos outra cousa, totalmente distinta: o modelo é a clave para garantir o benestar e a seguridade das persoas maiores nas residencias”.

Tomé Roca púxose a disposición do titular da Xunta “para explicarlle e mostrarlle como funcionan as nosas residencias. Téndolle a man para colaborar, polo ben dos nosos maiores e das súas familias”.

Neste senso, José Tomé destacou que o modelo de residencias provincial está “xerando xa interese, dentro e fóra de Galicia”, e lembrou a súa recente participación para explicalo na Semana Europea das Rexións, o maior evento de política rexional da Unión Europea.

EMPREGO

Ademais de nos centros de maiores, a Deputación de Lugo dedica unha partida importante ao mantemento e á creación de emprego. Grazas á captación de fondos europeos, no 2021 duplica os recursos para esta finalidade mobilizando 9M€, que dedicará a axudas para a contratación, ao emprendemento e a plans de formación e de dixitalización de pemes e autónomos.

O presidente destacou, por outra banda, que a Deputación é “o concello dos concellos”, polo que a cooperación coas entidades locais da provincia “é unha política transversal, que seguimos aplicando no ano 2021 dende a transparencia e sen partidismos”.

O Plan Único, o principal instrumento de cooperación da institución, estará dotado con 11M€ no orzamento, e aumentará ata os 21,3M€ coa incorporación de remanentes.

Como no caso dos centros de maiores, o presidente pediu á Xunta que “tome nota e faga, por fin, un reparto dos seus fondos con criterios públicos e obxectivos, como facemos na Deputación de Lugo co Plan Único. Isto melloraría a calidade democrática, pero tamén redundaría na cohesión social e no equilibrio territorial que tanto necesita a nosa provincia e toda Galicia”.

O mandatario provincial puxo en valor o “papel fundamental” do municipalismo na loita contra a pandemia. “A resposta dos concellos e das deputacións para a protección da cidadanía e o apoio á economía foi áxil e eficaz, a pesar de todas as dificultades, porque non tivemos, nin temos, o apoio da Xunta de Galicia. Todo o contrario”.

“A despreocupación foi tan grande que o presidente da Xunta non chamou, nin se reuniu unha soa vez cos presidentes das deputacións ou cos concellos para compartir información e traballar conxuntamente”, engadiu Tomé Roca.

“A Xunta non conta cos concellos, nin coas deputacións”, argumentou o presidente. “Non lles dá datos reais nin claros sobre a incidencia da covid-19 de xeito ordinario, só cando politicamente se sente acorralado. Iso si, cárgalles máis competencias impropias, pero sen aportar nin un só euro extra para loitar contra a pandemia. É máis, para o ano 2021 recórtalles nos orzamentos as transferencias nun 6,4%, unha auténtica barbaridade, cando aumenta o total dos presupostos autonómicos; cando recibe máis de 1.100M€ do Estado e cando a débeda pública vai subir o próximo ano en máis de 600M€, situándose en niveis históricos”.

SEN AXUDAS

José Tomé incidiu tamén en que a Xunta “non deu axudas a ningún sector económico. Só ofreceu préstamos, que hai que devolver. Agora fala de axudas de entre 2.000 e 7.000€ á hostalería, pero a realidade é que, se dividimos os fondos que destina a estas axudas entre o número de establecementos que hai en Galicia, a calculadora dinos que tocan a pouco máis de 500€. A diferencia é abismal”.
Mentres, outras administracións deron axudas directas con fondos propios, a fondo perdido, a varios sectores económicos no momento máis difícil do Estado de Alarma”. No caso da Deputación de Lugo, afirmou, “con 125 veces menos orzamento ca Xunta, activamos no Plan Único 2020 unha nova liña de axudas de 10,4M€ para que os concellos puideran implantar medidas económicas e sociais de loita contra a pandemia e, ademais, adiantámoslles 44M€ para darlles liquidez”.

Nos orzamentos, recalcou Tomé, a Deputación de Lugo apoia aos concellos e aos sectores produtivos estratéxicos da provincia, como son o primario e o comercial e turístico.

Desde xeito, as partidas para o sector agrogandeiro, forestal e do mar suben un 13%, ata os 2,3M€, para diversificar a produción, a competitividade e xerar valor engadido, en colaboración co tecido produtivo e coa Universidade. Mentres, a Xunta de Galicia aporta no ano 2021 para este sector na provincia de Lugo 150.000€, o que “é unha cantidade excepcionalmente ridícula”, asegurou o presidente.

En canto aos fondos para turismo, aumentan un 10%, ata os 3M€. “Co fin de apoiar a un dos sectores peor parados nesta crise, creamos dous novos programas específicos para fomentar o turismo interior e a promoción dos produtos de proximidade”, explicou o presidente da Deputación, quen recalcou que, ao mesmo tempo, a institución segue apostando “pola proxección nacional e internacional a través do Xacobeo 2021; apoiando a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, que tivo os seus inicios da man da Deputación de Lugo, e tamén a Reserva da Biosfera, xunto con outras accións que fomentan o interese do exterior na nosa provincia”.

MOBILIDADE

Mellorar as comunicacións da provincia é unha prioridade para a Deputación lucense, destacou José Tomé, como reflicten os orzamentos do ano 2021, que suben nun 14% os fondos para a mellora e a conservación de estradas ata os 16M€. “Trátase dun esforzo moi importante, tendo en conta que a Deputación de Lugo ten a rede de estradas máis extensa de todo o Estado, e tres veces máis que a da Xunta en Lugo”, asegurou.

Para o Goberno provincial, “a mobilidade é un dereito básico dos veciños e veciñas. Unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos, pero, ademais, en tempos de crise, a obra pública pode e debe actuar como un motor da actividade económica e do emprego”.