Vilalba presenta o programa de Nadal

Vilalba presenta o programa de NadalO Concello de Vilalba xa ten lista a súa programación de Nadal, cun amplo calendario de actividades programadas desde as áreas de cultura e lecer para todos os públicos.

Desde o goberno local levan semanas traballando sobre esta programación, contemplando todos os escenarios posibles que se podan dar pola situación sanitaria e tendo en conta as restricións e protocolos expedidos polas autoridades sanitarias, que se aplicarán exhaustivamente en cada unha das citas programadas e que se adaptarán ao momento no que se realicen.

Debido ás normativas “tan cambiantes dun día para outro” por mor da situación sanitaria, e que afectan tamén aos aforos de público en eventos culturais, irase comunicando semana a semana o formato no que se levarán a cabo: en caso de non ser posible o presencial, retransmitiranse por streaming, e de ser posible, sacaranse o número de entradas permitidas anunciándoo coa suficiente antelación a través da web www.entradasvilalba.es ou na Casa da Cultura.

“Conscientes da realidade que estamos a vivir, o Concello de Vilalba organizou unha programación de Nadal desde o entusiasmo pero coa cautela e precaución precisas ante as medidas sanitarias que se deben adoptar, serán unhas festas diferentes pero igualmente especiais”, aseguran desde o Concello.

O goberno local diversificou a oferta de entretemento e cultural pensando en todos os públicos, desde os máis cativos ata as persoas maiores. “Cómpre poñer de relevo a importancia da dinamización sociocultural en Vilalba nun momento de crise onde as relacións e a interdependencia poden verse resentidas por mor da pandemia do coronavirus, sendo prioritario crear espazos seguros de relación ou promover outros a través das Novas Tecnoloxías segundo a situación sanitaria que atravesemos”.

As actividades comezarán o martes, día 8, co acendido do alumeado e a colocación do buzón e o poboado de Nadal, dando paso a varias semanas de música con Pakolas, a fadista María do Ceo, a Banda de Música de Vilalba coa Orquestra Malabares, ou o dúo local Estrellas cun novo repertorio adaptado. Tamén haberá teatro, cinema, rock galego, gala de Nadal con maxia e tamén iniciativas innovadoras como obradoiros de skate ou as árbores decoradas polos coles.

Ademais, este ano os Reis Magos tamén se adaptan ás normas covid, polo que visitarán por primeira vez as parroquias de Vilalba. Ninguén se quedará sen saudar ás súas Maxestades de Oriente, pero nesta ocasión terá que ser a distancia, gardando todas as medidas de seguridade.

Farán as visitas polo rural e un paseo pola meirande parte das rúas da vila, polo que se recomenda saudar desde a casa ou portal, e de non ser posible, baixar ao punto máis próximo. O concello garantirá todas as medidas e protocolos Covid-19.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

8 DECEMBRO 2020
Acendido das luces.
Inauguración buzón e poboado de Nadal.

13 DE DECEMBRO
13h.
Auditorio Municipal
I Encontro de Dirección con Banda sinfónica
A Asoc. Músico Crisanto, que xestiona as Escolas Mancomunadas de Música de Begonte Rábade e Outeiro de Rei, participa coa Banda Sons e Soños, en cooperación co Centro Superior de Música de Galicia, nun 1° Encontro de Dirección con Banda Sinfónica.

Programa

  • Tercio de quites. R. Taléns
  • L’Arlesienne. Suite N. 2-Minuè & Farandola. G. Bizet
  • Marcha Eslava. P. I. Chaikovsky
  • Symphonic Overture. J. Barnes
  • A Rapa das Bestas. S. Couceiro
  • El Tambor de Granaderos. R Chapí
  • El fantasma de la ópera. A. Ll. Webber

18 DE DECEMBRO
20h.
Auditorio Municipal
A compañeira de Piso
The Roommate, definida pola crítica como unha mestura entre La extraña pareja e Breaking Bad, primeira adaptación fóra dos EEUU en coprodución co Centro Dramático Galego.

20 DE DECEMBRO
20h.
Auditorio Municipal
Dúo Estrellas
Dúo Estrellas Light, retransmisión por Streaming
O Dúo Estrellas, formado polos irmáns Fanego, Ana e David, presenta no seu oitavo aniversario o seu novo proxecto Dúo Estrellas Light, pensado para terrazas e concertos.
Interpretarán temas de sobra coñecidos polo público, pero dun xeito máis calmado respecto ó seu formato habitual de baile: baladas, pop, rock, 80s, 90s, etc. pero sen esquecerse de facer algúns guiños á verbena e ós seus míticos temas.Unha modalidade na que o público desde as súas cadeiras poderá cantar, interactuar con eles e escoitar algunha das súas anécdotas.

22 DE DECEMBRO
As árbores de Nadal dos coles
Posta en marcha dun proxecto novidoso de decoración dos nosos espazos, poñendo como protagonistas ás nenas e nenos dos colexios de Vilalba, quen están a realizar distintos motivos para adornar as árbores da Praza da Constitución.

24 DECEMBRO 2020
17 a 20h.
Pasarrúas Papá Noel.
Percorrido itinerante por distintos espazos e rúas para evitar aglomeracións.

25 DE DECEMBRO
20h.
Auditorio Municipal
María do Ceo
Cantante de Fado.
Concerto de Nadal, Fados e Panxoliñas.

26 DECEMBRO 2020
Obradoiro Skate.
Entradas previas.
Grupos 5 persoas e monitor/a. Préstamo de material. Medidas Covid.
Carpa Aberta sita na Praza da Constitución.
O skate é un dos deportes urbanos máis practicados do mundo e modalidade olímpica dende o 2021. Esta disciplina usa o monopatín para realizar diferentes trucos coma saltos ou xiros, entre outros, facendo uso do medio urbano como circuíto (street), aínda que tamén se desenvolve en espazos concibidos para elo, Skate Parks, acondicionados con ramplas, caixóns e raís, que amplían o rango de posibilidades. Neste caso, trátase nun obradoiro que se desenvolverá nunha mini rampla, que se trata dun formato de parque en forma de “U” que permite patinaxe continuo de vaivén.
Auditorio Municipal
18.30h.- Rilo & Penadique:
Fartura de Nadal Non hai nada máis parecido ao Nadal que reunirse a escoitar contos, quererse, comer e fartarse de historias e música! Como facían aquelas dúas velliñas que vivían xuntas, comían xuntas, durmían e soñaban xuntas… Ou aquela avoa que quería pasar o Nadal coas súas tres netas pero dalle por facer pan con mel e… Ui, e cando tocan as 12 da noite, na noite de fin de ano, e chega o Paporco… Rilo&Penadique traemos un feixe de historias onde o quererse, xuntarse e divertirse, son o alimento do Nadal Iso e os cantos, que nunca falten!
Tedes fame?

DO 26 DE DECEMBRO 2020 AO 2 DE XANEIRO 2021
Carpa aberta Praza Constitución
Skate Park
Sen entrada previa
Quendas de 20 minutos por persoa (10 minutos para desinfectar).
Cada hora en punto e a e media poderase entrar. Monitor/a que tomará os datos e regulará o acceso. Entrarase de 5 en 5. Haberá material para préstamo desinfectado. Todas as medidas Covid.

27 DECEMBRO 2020
Auditorio Municipal
18h.- Gala de Nadal con: Mago Teto, Desastronauts e Trío Detrés presentada por Fran Rei.
O nadal sempre é festa e por iso queremos festexar con vos con esta gala na que participarán unha mestura de artistas de tódolos ámbitos. Teremos Maxia co Mago Teto, teremos música con Trio Detrés e teremos acrobacias e lume con Desastronauts. E por se isto fose pouco, todo presentado polo lucense Fran Rei. Vide, ride, asombrade e desfrutade de unha gala de nadal para todos os públicos.

28 DE DECEMBRO
20h. CINEMA
Auditorio Municipal
Mientras dure la guerra
España, 1936. O célebre escritor Miguel de Unamuno decide apoiar publicamente a sublevación militar. Inmediatamente destituído polo goberno republicano como reitor da Universidade de Salamanca. Mentres, o xeneral Franco consegue sumar a súas tropas á fronte e inicia unha exitosa campaña coa esperanza de facerse co mando único da guerra. A deriva sanguenta do conflito e o encarceramento dalgúns dos seus compañeiros provoca que Unamuno comece a cuestionar a súa postura inicial.

29 DE DECEMBRO
20h. CINEMA
Auditorio Municipal
Parásitos
Tanto Gi Taek (Song Kang-ho) como a súa familia están sen traballo. Cando o seu fillo maior, Gi Woo (Choi Woo-sik), empeza a dar clases particulares en casa de Park (Lee Seon-gyun), as dúas familias, que teñen moito en común pese a pertencer a dous mundos totalmente distintos, comenzan unha interrelación de resultados imprevisibles.

Obradoiro Skate.
Entradas previas.
Grupos 5 persoas e monitor/a. Préstamo de material. Medidas Covid.
Carpa Aberta sita na Praza da Constitución.

30 DE DECEMBRO
20h.
Auditorio Municipal
Banda de música de Vilalba coa Orquestra Malabares
Orquestra de Malabares é un dos proxecto máis orixinais e suxerintes no panorama circense estatal. Seis malabaristas que crean un espectáculo en colaboración, neste caso, dos nosos músicos locais da Banda de Música de Vilalba, que amosa a súa versatilidade facendo un concerto de Nadal distinto con música e xogos malabares.

02 XANEIRO 2021
Obradoiro Skate. Entradas previas. Grupos 5 persoas e monitor. Préstamo de material. Medidas Covid
Auditorio Municipal
18.30h.- Pakolas. Cores, Contos e Rock´n´Roll con Ramona Órbita . Novo librodisco.
Un espectáculo de pequeno formato onde a interacción coas nenas e nenos, a súa música acompañada por contos e historias, e as cores e debuxos en directo de Laura Romero son o principal atractivo para o público. Esta proposta multidisciplinar crea así unha escena na que non só se pode gozar da música, senón tamén do debuxo e as cores que a rodean. Un espectáculo para todos os sentidos.

03 XANEIRO
20h.
Auditorio Municipal
Monoulious DOP
Banda Rock Galego
Monoulious DOP nace en 2012 como un proxecto musical único e exclusivo para internet. A curiosidade de Ula e Mon, dous amigos de toda a vida, fai que empecen a subir videoclips que eles mesmos producen e que coa forza das redes sociais pronto contan co apoio do público. Este empuxe da xente é o que os incita a montar unha banda en clave de rock formada por Beny á batería, Torroncho ó baixo, Carba e Pla ás guitarras e os propios Ula e Mon ás voces.

5 XANEIRO 2021
Os reis visitarán 11 parroquias, tratando de facer chamamento aos nenos e nenas da propia parroquia e as da contorna.
Non haberá recepción nin detalles. Os reis darán un pequeno discurso e saudarán aos nenos/as mantendo a distancia de seguridade.
Este ano o Nadal será distinto, polo que o Día de Reyes tamén se debe adaptar ás circunstancias. Por vez primeira visitarán as parroquias ao longo dun día intenso para as súas Maxestades, debido á grande extensión e dispersión de Vilalba. Farán 11 paradas ás que se poderán achegar as nenas e nenos da propia parroquia e arredores. Colocaranse buzóns para a recollida das cartas en todas as parroquias, xunto cun central no casco urbano.
Evitar aglomeracións. Ninguén se quedará sen saudar aos Reis, pero este ano terá que ser a distancia, gardando todas as medidas de seguridade. Farán visitas polo rural e un paseo pola meirande parte das rúas da vila, polo que se recomenda saudar desde a casa ou portal, e de non ser posible, baixar ao punto máis cercano. Garantiranse todas as medidas Covid.

Horarios
12h. Árbol (Rioaveso)
12h. Torre (Boizan, Alba, Insua, Soexo)
12h. San Simon (Vilapedre)
15h. Román (Carballido)
15h. Tardade (Belesar, Codesido, Distriz, Gondaisque)
15h. Lanzós
16:30h. Goiriz
16:30h. Santaballa (Mourence)
16:30h. Nete (Ladra, Noche e Xoibán)
18h. Samarugo (Corvelle)
18h. Oleiros (Sancovade)
18h. Vilalba (casco urbano)
Os Reis achegaranse ás casas escola das parroquias para os nenos e nenas das localidades máis próximas (as que aparecen entre parénteses).
Pasarrúas por toda a vila para evitar aglomeracións (asistir desde as vosas casas ou preto).

Etiquetas