Fruga demanda unha suba das pensións mínimas do réxime agrario

O goberno actual pretende subir as pensións de xubilación en función do IPC, así, deste xeito, para o vindeiro ano, o importe a percibir, suporía un aumento do 0,9%. “Estas subidas lineais non contemplan un problema de alcance, segundo o cal a diferencia entre as pensións mínimas e as mais altas vai en aumento como consecuencia da suba porcentual. As de mais cuantía son as que van recibir un importe mais alto, pola contra as pensións mínimas son as que van notar menos este aumento. Concretamente unha persoa xubilada do réxime agrario terá unha suba mínima de entre 5,89 e 6,14 euros, fronte a outros xubilados que poden chegar a percibir aumentos de 20 euros”, aseguran dende Fruga.

Actualmente, a maior parte dos xubilados e xubiladas do medio rural perciben pensións mínimas, como consecuencia de cotizar ao longo da súa vida ao réxime especial agrario, algo que se traduce en que as súas pensión fican por baixo do salario mínimo interprofesional. “Os distintos colectivos de pensionistas que se levan mobilizando ao longo dos últimos tempos, unha das súas demandas principais pasaba por obter unhas pensións mínimas equiparables ao salario mínimo interprofesional, que a día de hoxe é de 950 euros mes”, engaden.

Segundo indican, naa Galiza interior, a maior parte das persoas xubiladas cobran pensións procedentes do réxime especial agrario, mas tamén hai quen cobra as non contributivas, con importes inferiores. Os custos dos servizos sociais son cada día maiores polo que coas pensións mínimas é case imposible poder facerlle fronte a unha estancia nun centro xeriatrico, ou poder pagar a axuda a domicilio, recortada ultimamente por parte dos servizos sociais da Xunta de Galiza.

“Desde Fruga demandamos do goberno central unha subida maior das pensións mínimas, ao igual que se ten feito noutras modificación realizadas en anualidades pasadas, que permita achegar as pensión mínima ao salario mínimo. Non entendemos moi ben como este goberno que se define como socialista, non ten en conta esta problemática. En décadas pasadas o réxime especial agrario era a mais numerosa e principal fonte de cotizacións da maior parte da poboación activa galega. Os traballadores e as traballadoras de onte, son os xubilados e xubiladas de hoxe, e como consecuencia diso observamos que as provincias de Lugo e Ourense sempre están a cola das pensións mais baixas do estado”, explican.

Fruga espera que para o vindeiro ano 2021 se teñan en conta estas propostas, e” que os pensionistas do rural galego poidan disfrutar dunha pensión mínima que lle permita vivir dignamente. Actualmente os cotizantes do réxime especial agrario cobramos 200 euros de media menos que o resto dos pensionistas galegos, 400 euros menos que a media do estado español, e a metade do que perciben de media nalgunha comunidade autónoma como é Euskadi”.

Etiquetas