Presentan este sábado as edicións dos gañadores do II Concurso Torre de Caldaloba

Presentan este sábado as edicións dos gañadores do II Concurso Torre de CaldalobaO vindeiro sábado 12 de decembro, a partir das 17 horas no Museo das Aves de Cospeito, celebrarase a presentación das obras gañadoras no II Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que organiza o Concello de Cospeito e a Asociación Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ. Trátase das obras Hora de penumbra, de Xurxo Alonso, gañadora do primeiro premio, e De casa queimada, cuxa autora é Iria Collazo López, que acadou o segundo premio no devandito certame.

Está prevista a asistencia ao acto de presentación, ademais dos autores citados, do alcalde de Cospeito, Armando Castosa, Inés Lozano, en representación da Asociación Cultural de Pino, Martiño Maseda, administrador de Culturalia GZ, e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora, a editorial encargada da publicación das obras que acadan premio neste certame poético nos eidos da Chaira.

Dada a situación pandémica provocada pola covid-19 manteranse as medidas de seguridade sanitaria pertinentes.

Nesa mesma xornada tamén se realizará a xuntanza do xurado para deliberar o fallo da 3ª edición do Certame de Poesía Torre de Caldaloba.

Etiquetas