Vilalba e As Pontes volven sumar novos positivos en covid-19

Vilaba e As Pontes volven sumar novos positivos en covid-19A provincia de Lugo rexitrou hoxe un novo descenso de casos activos de coronavirus, son 18 menos que onte (onte foron 147 menos) o que supón un total de 606. Este dato vén condicionado coma sempre polos 31 novos positivos (onte houbo 16) e polas 47 altas das últimas 24 horas (onte foron 162). Ademais hai tamén un acumulado de infectados de 6.532 e 5.788 curados.

Continúan polo tanto baixando os casos pero nos niveis dos últimos días, agás o mércores no que se deron numerosas altas o que fixo que baixaran de súpeto os casos activos.

Na parte máis negativa hai que sumar un novo falecido da residencia de Vilalba, un home (que faleceu no Hula) polo que xa son 137 as persoas que perderon a vida pola covid-19 dende que comezou a pandemia en marzo.

Empeora de novo a hospitalización con cinco persoas máis ingresadas. A UCI do Hula recibiu unha nova persoa e xa son tres as ingresadas en coidados intensivos. Na planta do hospital de Lugo soben os ingresados a 21 (4 máis). A Mariña e Monforte manteñen o su balance de ingresos con 2 e 4, respectivamente.

Por concellos, Vilalba volve a sumar positivos na xornada festiva e xa son 72 (8 máis que onte). Continúa a subir tamén en Cospeito con 22, tres máis que onte; e Castro, con 20 (un  máis).

Pola contra, A Pastoriza, Meira, Begonte e Pol non rexistraron ningún positivo nos últimos 14 días.

Na veciña As Pontes suma máis casos nesta quincena e supera a barreira da centena ao chegar onte a 104 casos, seis casos máis que onte.

Os concellos de Vilalba e As Pontes continúan en máxima alerta.

GALICIA

Os novos contagios por covid-19 detectados nas últimas 24 horas en Galicia experimentaron un repunte ata contabilizar 342, 97 máis que o martes.

Con todo, continúa a caída da incidencia acumulada, con 5.927 contaxios activos, 69 menos que o martes, entre outras razóns porque o ritmo de altas é maior: este martes déronse 403. Pola contra, a presión asistencial aumentou levemente.

Segundo as últimas estatísticas actualizadas do Sergas son 324 as persoas que permanecen hospitalizadas en planta (2 máis) e 51 en unidades de críticos (unha máis).

No balance acumulado, contaxiáronse por coronavirus en Galicia 55.077 persoas, das que 1.281 faleceron e curáronse 47.872

Vigo mantense como a área sanitaria con maior incidencia acumulada, con 1.499 contaxios activos, 18 menos que o martes, e a que máis novos contaxios reporta, 75 nas últimas 24 horas, 16 máis.

A área menos afectada segue sendo Ourense con 377 casos activos, os mesmos que o día anterior, a pesar de contabilizar 34 PCR positivas (14 máis), debido ao número de altas rexistradas.

CONTROL POLICIAL

Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo durante a pasada ponte da Constitución 35 dispositivos na provincia de Lugo no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19. Os axentes realizaron controis en dez concellos da provincia, cun total de 99 inspeccións nas que se rexistraron 105 identificacións e sete denuncias.

En base a este Plan, a Policía Autonómica destinou efectivos, entre os días 4 e 8 de decembro, a controlar que se están a cumprir as medidas vixentes para frear a expansión do virus nos municipios de Chantada, Friol, Guntín, Láncara, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Sarria, Vilalba e Viveiro.

No conxunto da comunidade galega, os axentes realizaron 213 dispositivos nun total de 52 concellos, sumando 582 inspeccións, con 665 persoas identificadas e 101 denuncias tramitadas.

Estes dispositivos enmárcanse no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias.

Durante os operativos, os axentes controlaron que nos establecementos abertos ao público, terrazas e espectáculos públicos se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais e a prevención do botellón.

Etiquetas