Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Os concellos da área metropolitana de Lugo firman o convenio para o Plan de Transporte

Por 10 Decembro, 2020Sin comentarios

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e os nove concellos integrados no Plan de Transporte Metropolitano de Lugo asinan esta semana o convenio que permitirá darlle continuidade a esta iniciativa durante outros catro anos.

Con ese fin, o delegado territorial, Javier Arias, recibiu o luns na Delegación Territorial da Xunta ao alcalde de Rábade, Francisco Fernández; e hoxe acudirán os rexedores de Castro de Rei, Francisco Balado; Outeiro de Rei, José Pardo Lombao; O Corgo, Felipe Labrada; Guntín, María José Gómez; Castroverde, Xosé María Arias; Friol, José Ángel Santos, e Baleira, Ángel Martínez. Para hoxe está previsto que asine o acordo o Concello de Lugo a través do seu primeiro tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo.

Javier Arias lembrou que a Administración galega aportará 326.000 euros, a través de achegas anuais de case 81.500 euros, para financiar os descontos nos billetes, os transbordos e as bonificacións adicionais aos usuarios recorrentes e membros de familias numerosas. Pola súa banda, entre todos os concellos abonarán algo máis de 19.000 euros ao ano.

O delegado subliñou que a Xunta impulsa este plan social co fin de fomentar a mobilidade en transporte público colectivo, mediante un sistema que favorece a coordinación entre as diferentes redes de transporte público e abarata os custos para as persoas viaxeiras.

“As cifras de usuarios reflicten que o modelo cumpre con ese obxectivo”, dixo Arias, quen lembrou que o plan incrementou nun 27% o uso do transporte público nesta área e rexistrou desde a súa a posta en marcha no ano 2012 máis de 1 millóns de viaxes bonificadas. Esta iniciativa supón que na actualidade case 7.300 veciños da área de Lugo se beneficien dos descontos da Tarxeta de Transporte Metropolitano (TMG) nos desprazamentos cotiáns, coa que poden acadar aforros que roldan os 800 euros ao ano. Ademais, nesta área tamén hai 1.300 mozos menores de 21 anos que viaxan de balde en autobús coa tarxeta Xente Nova.

Por último, Arias apuntou que a renovación desta liña de colaboración entre a Xunta e os concellos garante a continuidade das accións de promoción do transporte público colectivo en tanto se procede ao desenvolvemento e implantación da Área Única de Transportes de Galicia, coa que se aplicarán en todo o territorio da comunidade autónoma as vantaxes dos descontos no prezo do billete das que xa dispoñen as áreas de transporte metropolitano.