Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Fan balance do proxecto Galician Skyway de Rozas

Por 11 Decembro, 2020Sin comentarios

Fan balance do proxecto Galician Skyway de RozasA directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou no evento online de peche do proxecto Galician Skyway, no que a Xunta e a empresa Boeing Research & Technology Europe (BR&T-E) colaboraron no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para avanzar na xestión e seguridade do tráfico de drons en espazos aéreos compartidos. No evento interviron tamén representantes de Boeing como das distintas empresas e centros subcontratados para explicar os resultados técnicos.

Argerey destacou o carácter estratéxico e pioneiro deste proxecto para a industria aeroespacial galega e agradeceu a BR&T-E a súa contribución ao posicionamento de Galicia como referente a nivel internacional no ámbito dos vehículos non tripulados. A directora de Gain identificou a Boeing como un dos principais socios da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia e apuntou que este proxecto marcará “un antes e un despois” no sector aeroespacial.

O proxecto Galician Skyway, que se enmarca dentro do Polo Aeroespacial de Galicia e que rematou o pasado mes de setembro, supuxo un investimento mobilizado de 10,2 millóns de euros -cofinanciado con fondos Feder do programa operativo crecemento intelixente 2014-2020 (POCInt)- e a creación de 94 empregos. Na realización do mesmo participaron entidades como Enaire, o Inta ou o centro tecnolóxico Gradiant e empresas como Televés, Centum e Soticol.

Este proxecto incluíu o desenvolvemento de solucións a situacións clave no ámbito da xestión e seguridade do tráfico aéreo como a perda dos enlaces de comunicación coa estación base (Loss of Link); a incapacidade de detectar e evitar colisións (Loss of Separation); a perda de sinal procedente das infraestruturas de axuda á navegación e posicionamento (Loss of GPS); a perda de impulso do motor (Loss of Engine); a perda de enerxía (Loss of Power); e a perda de control sobre o vehículo non tripulado (UAV) por actos de interferencias (Loss of Ownership).

Resultados acadados

As solucións desenvolvidas considéranse de gran relevancia para todo o sector aeroespacial porque se poderán implementar no futuro en calquera aeronave non tripulada ou sistema para a súa xestión e a resolución dos retos plantexados é clave para que o segmento dos UAV poida despegar de maneira definitiva.

Entre os fitos acadados polo proxecto Galician Skyway cómpre destacar a instalación en Rozas dun laboratorio de simulación de continxencias en voo para UAV, que supón unha importante contribución ao equipamento do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) e que fortalece a súa competitividade como infraestrutura científico-tecnolóxica para a I+D+i no ámbito dos UAV.

Neste laboratorio despregouse unha infraestrutura de simulación para a realización de probas de diferentes solucións de Detect and Avoid (Detectar e evitar). Tamén se levou a cabo o primeiro desenvolvemento dun sistema de continxencias para UAV totalmente autónomo en voo que permite avaliar as alertas identificadas polos diferentes sistemas de continxencias de abordo e tomar a decisión máis adecuada segundo os criterios adoptados en cada caso seguindo diferentes requisitos de seguridade, operacionais ou de misión.

Así mesmo, desenvolveuse un sistema de navegación alternativo á navegación convencional con sinais GNSS (Global Navigation Satellite System); desenvolveuse unha infraestrutura HW/SW experimental facilmente adaptable a calquera dron que permite a toma simultánea e sincronizada de imaxes capturadas desde diferentes sensores de visión e sensores inerciais con alto grao de sincronización; propuxéronse para patente unha serie de ideas novas para a prevención e mitigación do risco ante unha continxencia que implique un descenso incontrolado, así como un protocolo de actuación; desenvolveuse unha metodoloxía de cálculo de traxectorias seguras para a aterraxe de emerxencia en UAV de á fixa en caso de perda de motor; e implementouse unha nova solución ao problema da perda de comunicacións durante o voo que implica a integración de diferentes equipos embarcados e en terra.

Tamén se desenvolveu un sistema de sincronización de mensaxes entre o UAV e a estación de terra, que permite coñecer en todo momento a calidade do sinal e replicar a toma de decisións da aeronave en terra baixo diferentes circunstancias de continxencia, acoutando en todo momento a incerteza.

Por último, definiuse unha nova interface cun sistema de control de tráfico proporcionado por ENAIRE, entidade pública empresarial que xestiona a navegación aérea en España, para proporcionar datos de continxencia en voo aos controladores, por exemplo a traxectoria prevista e a incerteza asociada, e permitir así que estes poidan tomar mellores decisións á hora de coordinar o tráfico circundante en caso de posibles continxencias en voo de UAV e desenvolvéronse técnicas de detección de ciberataque na rede de comunicacións dos UAV. Durante os meses de xuño e xullo leváronse a cabo voos de ensaio coas plataformas do Inta nas instalacións do CIAR (aeródromo de Rozas, Lugo).

Ademais, Boeing desenvolveu no marco da colaboración coa Xunta, numerosas actividades e colaboracións no ámbito educativo orientadas ao fomento das vocacións científico-tecnolóxicas, como a Aula Newton, os Dron Days e un acordo coa Universidade de Vigo.