O Centro Ocupacional de Vilalba deseña a decoración de Zara Loxística

O Centro Ocupacional de Vilalba Terra Chá creou un Bosque de Nadal para a 
firma Inditex, en concreto para o comedor de Zara Loxística -pioneiro na restauración sostible mundial-. O Bosque está formado por varias árbores de madeira de pino autóctono que apostan pola produción feita en Galicia e as técnicas artesanais.

Trátase dun deseño orixinal do Centro ocupacional, que tamén se
 encargou da súa creación e instalación no Comedor de Zara Loxística de
 Inditex en Arteixo, como parte da ambientación navideña. A dirección de Zara Loxística e os Servizos Xerais de Inditex respaldaron en todo momento as propostas do Centro, que procuraron buscar un deseño que puidese implicar a un gran número de persoas, especialmente ás que teñen maiores necesidades de apoio. Este deseño precisou todas as tarefas do preparado da madeira e, polo tanto, un traballo proactivo con mellores resultados terapeúticos, ocupacionais e de inclusión.

As pezas seleccionadas polo comedor de Zara Loxística tiveron unha grande aceptación entre os traballadores, onde cada día comen preto de 1.500 persoas. De feito, o Centro Ocupacional recibiu moitas consultas para interesarse por pedidos coma os expostos no centro de Arteixo. As árbores estarán a disposición do público en xeral baixo pedido pero xa de cara ás festas de 2021.

O comedor de Zara Loxística é un referente na restauración colectiva mundial. Foi o primeiro en introducir cambios innovadores que apostasen pola sostibilidade, rachando falsos mitos e demostrando que ser sostible non é sinónimo de ser máis caro. O comedor aposta polos productos de proximidade, impulsa as razas autóctonas, reduce a pegada de carbono e promove un cambio social: que a poboación valore máis o campo, o mar e faga súa a conservación dos nosos recursos naturais.

Para o centro vilalbés “foi un reto ilusionante e o resultado, inmellorable. Ábrese unha vía de colaboración con Zara Loxística e coa empresa Verde Cúbico -responsable da organización-, que de seguro continuará o próximo ano con iniciativas que involucrarán a todos os obradoiros do centro”. O Centro Ocupación Vilalba Terra Chá, remata con esta boa nova o ano 2020, que tan difícil foi e segue a ser para todos. Tamén quere transmitir unha mensaxe de agradecemento e de ánimo a toda a sociedade.

Etiquetas