O Parador de Vilalba iluminarase despois de Nadal polo Xacobeo

O Parador de Vilalba iluminarase despois de Nadal polo XacobeoA Xunta de Galicia iluminará dende hoxe unha ducia de monumentos na provincia de Lugo no marco do proxecto Acende o Xacobeo, que se estenderá en total a 91 elementos singulares en toda España para dar a benvida ao Ano Santo 2021.

O acendido realizarase de forma secuencial a través das distintas etapas das rutas xacobeas ata chegar á catedral de Santiago, evocando o percorrido que realizan os peregrinos. Os monumentos escollidos para cada fase iluminaranse de cor azul, coa proxección do logotipo do Xacobeo 2021 e a frecha amarela. Permanecerán iluminados entre as 18.15 horas e as 24.00 horas.

A primeira fase, entre os días 22 e 25, iluminará en Lugo a igrexa de Santa María A Real de Pedrafita do Cebreiro; a igrexa de San Nicolás de Portomarín; o mosteiro beneditino de San Salvador de Lourenzá; a igrexa parroquial de Santa María do Campo en Ribadeo; a igrexa de Santiago Apóstolo de Castroverde, e a igrexa de Santa María da Fonsagrada.

A continuación, entre os días 26 e 28 tomarán o relevo a Casa de Lemos (Casa da Cultura) de Chantada, a Torre da Homenaxe de Monforte de Lemos, a igrexa de Santa Mariña de Sarria, a Catedral de Mondoñedo, o Parador de Vilalba e a Catedral de Lugo.

Nesta iniciativa están representadas todas as rutas xacobeas oficiais, que na última fase, entre os días 29 e 31, chegan á fin do Camiño, iluminando diversos monumentos de Santiago de Compostela así como o Faro de Fisterra e o Santuario da Virxe da Barca en Muxía.

Á iniciativa sumáronse 10 comunidades autónomas –Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid, Murcia e Navarra-. No caso de Madrid, as iluminacións na glorieta de Atocha e no distrito de Fuencarral co logo do Xacobeo 2021 en gran formato estarán presentes durante todo o Nadal.

Arias confía en que o Xacobeo 2021 supoña “un importante puntal para a recuperación económica de Lugo”, xa que é o primeiro que se celebra dende o recoñecemento dos Camiños Norte e Primitivo como Patrimonio da Humanidade pola Unesco e tras a declaración da oficialidade do Camiño de Inverno.

Neste sentido, transmitiu que a Xunta está a organizar “o mellor dos Xacobeos posibles”, con actos descentralizados que beneficien a todo o territorio, e adaptado ás medidas sanitarias pola covid-19 para xerar confianza e lograr que as persoas que se acheguen a Galicia poidan desfrutar con tódalas garantías

Etiquetas