Skip to main content
TERRACHÁXA

E de tapa, pcr

Por 29 Decembro, 2020Sin comentarios

Por Martiño Maseda

Comecei a escribir este artigo nun bar no que parei despois de deixar á miña mai no centro de día, ao que acode de luns a venres en coche particular, dado que a súa asistencia ao centro no bus que teñen asignado non a considerei, desde o punto de vista de preservación da súa saúde, nada recomendable.

O concello no que está situado o centro atópase nun nivel moderado de control sanitario por culpa da pandemia da COVID-19, aínda que non ten ningunha restrición de desprazamento fóra da súa demarcación municipal.

Ese bar no que entro de cando en vez, non preguntei se lles realizaran unha PCR aos seus traballadores para garantir a seguranza das persoas que alí pasen a consumir. Digo isto, porque agora desde a Xunta de Galicia proponse o cribado do persoal traballador da hostalaría para validar que a clientela vaia con “absoluta seguridade” a todos eses locais que representan o sector da citada hostalaría. Porque, obviamente, a mensaxe que subxace, igual ca unha teipa, é salvar o Nadal e todas festas que veñan. A sanidade, o ensino, os servizos sociais, etc. xa lles irá tocando, se lles toca, coma o gordo da lotaría.

Ah!, esquecía facer un apuntamento fundamental: no centro a onde acode a miña mai, unha traballadora tivo a mala sorte de contaxiarse de coronavirus. E as mentes espelidas que rexen o departamento de Consorcio de Benestar e a área sanitaria de Lugo acordaron realizar un cribado do restante persoal e dunha parte das usuarias e usuarios. A outra parte, que só eran 6 persoas, entre as que se atopaba a miña mai, quedou sen proba PCR, dado que non estiveran en contacto coa infectada, pero si o estiveron outras traballadoras do centro, e algunhas delas co grupo da miña mai. Aínda así, para que imos gastar na realización de PCRs a anciáns e/ou dependentes, se resultan máis aproveitables na elite do fútbol ou para os cazadores, agora que teñen liberdade de movemento, en todos os sensos, para cazar/matar bechos terribles e depredadores (porcos vietnamitas e paseantes incluídos, e non estou de broma, buscade nas hemerotecas).

Ah!, tamén me quedaba por engadir que o centro de día, a onde vai a miña mai desde hai case 8 anos, ten unha praga moi pouco concorrente aquí nesta terra, un mapa de goteiras por clasificar. Pero, claro iso non é importante, porque, ademais da tendencia de construír os edificios totalmente planos, sen tellado, aquí na Galiza apenas chove. Este cromatismo relucente que pinta a nosa paisaxe é completamente artificial. Son decorados dun escenario utópico. Ora ben, disque os trámites administrativos para darlle solución a ese pequeno problema das goteiras, que provoca inundacións no soto do ascensor, por exemplo, xa están en marcha. Só falta que un ano destes, se cadra un dos que sexa xacobeo (o 2021 éo) ou un no que haxa eleccións (nese caso hai que agardar algo máis) ou un no que non chova aproveitan e maquillan a desfeita dese edificio no que persoas coma a miña mai (ela e outras anciáns, e outras dependentes) atopan durante unhas cantas horas un remanso de ledicia, de agarimo, de recuperación e mantemento memorístico e/ou locomotriz, grazas ao traballo infatigable das traballadoras que poñen o seu mellor sorriso e o seu decidido esforzo, a pesar de contar cada día con menos recursos.

Señores/-as que gastan tempo na nobre (non pola súa dedicación nin capacidade intelectual, en moitos casos) tarefa humana da política, eu pregúntolles: Pensan que a corda que terma do seu hálito vital non pode rachar o día menos acaído e calquera de vostedes se convertan en dependentes? Ou que a inexorable roda do tempo non vai ir deteriorando os seus corpos ata alcanzar a senectude? Pois cavíleno e que a súa ególatra necidade deixe de cegalos con paraísos no alén.

Remato este artigo na miña casa. Mañá ou pasado ou cando poida volverei entrar nun bar tomar un café, porque eu nunca manifestei nada contra o sector da hostalaría. É necesario e precisa de axudas ante períodos nefastos de crise coma este creado pola pandeima da COVID-19. Pero si teimo que, talvez, as institucións públicas deberían consagrar os mesmos esforzos que utilizan para manter latexante a industria hostaleira en combater a exigua e, por veces, ridícula preocupación que amosan polo fortalecemento das áreas sanitarias, do ensino, dos servizos sociais ou daqueles sectores que axudan a cultivar ese espírito crítico que propiciará que comprendamos con nitidez dialéctica a esencia da vida e de valores coma a liberdade, a xustiza, a igualdade… Porque agora mesmo, coido que estamos volvendo á árbore igual ca primates non evolucionados.