A provincia despide o ano cun novo repunte da covid

A provincia de Lugo despedirá o ano cun empeoramento das cifras de expansión do coronavirus. Así, por segundo día consecutivo volven aumentar os casos activos, ata 444, 14 máis que onte (onte foron 33 máis). Este aumento é debido a sumar 50 novos positivos (onte foron 50) e 35 altas (onte foron 17).

Quedan así un total de 7.108 persoas afectadas pola covid-19 dende a orixe da enfermidade no mes de marzo, e 6.517 curados.

O número de falecidos mantense en 145, trala morte o pasado sábado dunha usuaria da residencia de Trabada.

A presión hospitalaria volve subir cun total de 18, catro máis que o mércores. En concreto, 2 permanecen na UCI (os mesmos) e 16 en unidades de hospitalización: 6 no Hula (un máis), 8 no Hospital da Mariña (tres máis) e 2 no Hospital de Monforte (os mesmos).

Por Concellos, Vilalba certifica o segundo día de novos casos positivos ata chegar a un acumulado en quince días de 26, dous máis que onte.

En Xermade o gromo que se orixinou nos centros edutivos parece controlado e segue rebaixando os casos acumulados na última quincena, que son 10, catro menos dos que había onte.

Só Pol e Guitiriz non tiveron casos novos esta quincena.

Continúa a mellorar a situación da veciña vila das Pontes, que rebaixou de novo de forma importante a súa incidencia acumulada na útlima quincena a 16 casos, nove menos que a xornada anterior.

No resto da provincia, a situación é preocupante nos concellos de Viveiro e Xove, que entraron en estado de alerta máxima e media-alta, respectivamente. Tamén preocupa en Ribadeo polos casos detectados nunha residencia.

Mentres tanto, os procesos de vacinación da poboación de centros de maiores e persoal que os atende continúa a realizarse en toda a provincia.

Etiquetas