A competición en fútbol autonómico reiniciarase este mes

Rematou o prazo fixado pola Real Federación Galega de Fútbol para a inscripción de equipos nas categorías de fútbol Preferente, Primeira Galicia, Primeira Galega Feminina, Liga Galexa Xuvenil, División Honor Cadete, Liga Galega Cadete e Liga Galega Infantil co seguinte balance de inscrición, que no total achégase ao 80% e de maneira sectorial cuns altísimos porcentaxes de Preferente, Primeira Feminina e Ligas Galegas de base. En Preferente a inscrición alcanza o 90%, na Primeira Feminina o 95% e nas categorías base ata o 99%.

Na categoría de Preferente son 41 os equipos inscritos dos 46 que partían na categoría. Os que faltan pertencen ao Grupo Sur, correspondente as provincias de Ourense e Pontevedra.

O Grupo Norte (provincias da Coruña e Lugo) está completo cos 23 equipos anotados para xogar esta atípica tempada 20-21. O 100% dos equipos queren iniciar a competición. Da provincia de Lugo xogan Foz, Ribadeo, Santaballés, Residencia, Sarriana, Escairón e Club Lemos.

No que respecta á Primeira Galega Feminina queda claro o desexo dos equipos de retomar a práctica do fútbol, pois foron 18 dos 19 equipos os que formalizaron a súa inscrición. Todos a excepción do Tordoia. Neles está o Friol B e CD Lugo correspondente á provincia luguesa.

E no referente ó fútbol base os datos falan por sí sós. Dos 149 equipos pertencentes ás categorías Liga Galega Xuvenil, División Honor Cadete, Liga Galega Cadete e Liga Galega Infantil foron 147 os que formalizaron a súa inscrición na Intranet, 99%. Únicamente dous equipos optaron por non anotarse. Ou o que é o mesmo, cinco dos sete grupos activaranse completos, con todos os equipos en competición. Só o Marcón en Galega Xuvenil e o Guardés en Galega Cadete decidiron non anotarse.

Así, na categoría xuvenil galega estarán os equipos Residencia, Viveiro e Vilalbés B, na cadete a representación é a máis numerosa co Milagrosa, Vilalbés, Viveiro, Lugo B e Ribadeo. Na infantil estarán Viveiro, Lugo e Residencia. No que respecta á División de Honra cadete, estará o Lugo A.

A única competición destas categorías en marcha é a División de Honra xuvenil e Liga Nacional xuvenil coa participación do Vilalbés e do Lugo.

Unha vez definido o mapa de cada unha das categorías, nos vindeiros días iranse celebrando reunións telemáticas ou presenciais cos equipos inscritos en cada categoría para resolver todas as dúbidas que poidan existir referentes ao plan competicional e a outros apartados e conseguir así unha total coordinación con todos os participantes nas distintas competicións.

REINICIO DA COMPETICIÓN

RFGF optou por un regreso progresivo da competición, fixando un proceso de desescalada en tres grandes bloques. Todo elo co obxectivo de reducir os riscos de contaxio, garantir o cumprimento dos protocolos e permitir unha mellor adaptación dos propios clubs e deportistas. E sempre cumprindo co compromiso de que se ían a deixar, como mínimo, entre cinco e seis semanas de pretempada para a preparación dos equipos.

Nivel 1: Nun primeiro nivel de desescalada activaranse as competicións de carácter autonómico de fútbol, fútbol sala e fútbol base.

  • Preferente, Primeira Galicia, Primera Galega Feminina, Liga Galega Xuvenil, División de Honra Cadete, Liga Galega Cadete e Liga Galega Infantil en fútbol
  • Preferente, Liga Galega Xuvenil, División de Honra Cadete, Liga Galega Cadete, Liga Galega Infantil e Liga Galega Alevín en fútbol sala
  • Liga Galega de Fútbol Gaélico

Estas competicións quedarán activadas de inmediato e está previsto que o seu comezo se poida levar a cabo entre o 24 de xaneiro e a primeira semana de febreiro, sempre e cando o permita a situación sanitaria.

Nivel 2: Nun segundo bloque activaranse as demais categorías sénior, así como as provinciais e locais de xuvenís, cadetes e infantís de fútbol, mentras que na especialidade de fútbol sala quedará todo activado nesta segunda fase. Competicións estas que previsiblemente poderán comezar durante a segunda quincena do mes de febreiro, sempre que o permita a situación sanitaria.

Nivel 3: O último nivel de activación refírese ao fútbol 8, que arrincará a finais de febreiro, sempre que o permita a situación sanitaria.

Etiquetas