Rematan as reformas de varios centros sociais da comarca

A Consellería de Política Social destinou este ano 367.800 euros a mellorar os seus centros da provincia a través dos contratos xestionados pola Xefatura Territorial de Lugo.

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que a Xunta executou obras de reforma e acondicionamento e dotou de equipamento diverso a residencias, centros sociocomunitarios, escolas infantís e outras instalacións públicas de titularidade autonómica que prestan diferentes servizos sociais.

Dentro da comarca da Terra Chá, no centro de menores Santo Anxo de Rábade habilitouse unha sala de reunións, fíxose unha soleira revestida de pedra no xardín, substituíronse as luminarias por outras tipo LED máis eficientes e renovouse mobiliario, o que supuxo un gasto total de 31.000 euros.

Centros sociocomunitarios

Tamén se realizaron distintos traballos de modernización nos centros sociocomunitarios de Lugo, Vilalba e Mondoñedo e nos Espazos Xove de Vilalba e Chantada, cun custo de 50.400 euros.

O delegado destacou que estas actuacións responden ás necesidades que a Xunta vai detectando en cada centro e complementan a outras de maior envergadura que impulsa a Administración galega nos centros sociais, co fin de garantir a calidade dos servizos que prestan á cidadanía.

Etiquetas