Skip to main content
ActualidadeMeiraSecciones TerraCháXAZonas LUGOXAZonas TERRACHÁXA

Meira conta este ano cun orzamento de case 2 millóns de euros

Por 8 Xaneiro, 2021Sin comentarios

Meira conta este ano cun orzamento de case 2 millóns de eurosO Concello de Meira contará este ano cun orzamento de 1.995.236 euros. O PSOE aprobou en solitario estas contas -o PP e o BNG votaron en contra e Galicia Sempre abstívose— que se manteñen con respecto ao ano anterior, a pesares “destes tempos marcados pola pandemia e con gastos extra”, segundo lembrou o rexedor, Antonio de Dios.

O novo orzamento municipal reforza especialmente a área de benestar social, cunha partida que ascende aos 266.000 euros. Trátase, segundo explica De Dios, “dunha clara aposta polo Servizo de Axuda no Fogar (SAF), os maiores e as persoas dependentes” ao entender que é un “servizo prioritario”. Outra das grandes partidas é a de persoal, que acada os 700.000 euros.

No capítulo de investimentos, o equipo de goberno de Meira aposta por “seguir coa dotación de servizos básicos aos veciños, principalmente coa mellora dos accesos a núcleos e as traídas de auga, contando co apoio das administracións públicas”, indicou o rexedor. Entre as principais actuacións previstas atópase a segunda fase da traída de auga a Louseira e Vilar da Corota, que ten un orzamento total de 80.000 euros, e a mellora da rede de abastecemento de auga coa construción dunha nova Etap no depósito de Grañanova para poder eliminar problemas de subministración e de arrastre de lodos, principalmente aos barrios de San Roque, Regolongo e Costa de Cabo, cun orzamento de 60.000 euros. Contémplanse tamén obras na depuradora municipal no marco do convenio asinado coa Confederación Hidrográfica e a Deputación de Lugo. Este convenio dividiuse en dúas anualidades e ao Concello de Meira correspóndenlle 28.500 euros.

Antonio de Dios destacou tamén a incorporación dunha nova liña de axudas a pemes e autónomos cun orzamento de 40.000 euros. “Imos estudar aínda cómo as imos sacar pero serán axudas para apoiar aos máis afectados económicamente polas consecuencias da pandemia”, aclarou.