Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

Vacinados todos os maiores das residencias da Deputación

Por 11 Xaneiro, 2021Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

Vacinados todos os maiores das residencias da DeputaciónA totalidade dos usuarios e usuarias e traballadores e traballadoras dos Centros de Atención a Maiores (CAM) da Deputación de Lugo xa recibiu a primeira dose da vacina fronte á covid-19. Este luns desenvolveuse a última xornada de vacinación, que tivo lugar na residencia de Trabada, logo de seren vacinados nas anteriores semanas os residentes e o cadro de persoal de Pol, Ribadeo e A Fonsagrada.

En canto á nova residencia de Castroverde, salientar que xa está en funcionamento e que nos vindeiros días entrarán a vivir os usuarios, logo de que decidiran pasar as datas de Nadal xunto ás súas familias. A Deputación de Lugo informará ao Sergas destes ingresos para establecer un novo calendario de vacinación para este centro.

A Deputación de Lugo salienta que a campaña para a subministración desta primeira dose da vacina da covid-19, que se puxo a 216 usuarios e traballadores, se desenvolveu “con absoluta normalidade, sen incidencias” e con total disposición de colaboración do persoal da institución provincial e do Sergas.

O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, presidiu no mes de decembro un Comité de Seguimento dos centros para coordinar esta campaña. Nese encontro, trasladoulle a cada unha das directoras e ao equipo técnico, que a Deputación se poñía á súa disposición xunto cos medios técnicos e humanos que fosen necesarios para afrontar a vacinación coa máxima seguridade posible.

A Deputación salienta que este paso trouxo esperanza ás residencias xa que os usuarios e usuarias “levan moitas meses coas saídas limitadas, vendo pouco aos seus familiares e ver que xa recibiron a primeira dose axúdalles ao seu benestar emocional”. Así mesmo, tamén incide en que isto non pode permitir baixar a garda e que cómpre seguir na mesma liña que a seguida ata o momento.

Información para as persoas maiores e as súas familias

Os días previos ao inicio da campaña, persoal sanitario provincial preparou uns vídeos divulgativos para explicar o proceso e resolver as principais dúbidas que podían xurdir ao respecto. Proxectáronse nas residencias para que todos os usuarios e usuarias souberan en que ía consistir, e tamén se lle fixo chegar ás familias, co obxectivo de que teñan a máxima información posible ao respecto.

Visitas limitadas

A Deputación de Lugo continúa aplicando os principios de transparencia e anticipación nas medidas que adopta nas residencias. Con respecto ás visitas de familiares, a institución provincial xa viña restrinxindo as entradas de familiares nos centros a unha persoa por usuario/a á semana antes das novas medidas que marcan as autoridades sanitarias, co obxectivo de minimizar o risco de contaxio e protexer aos maiores.