Skip to main content
ActualidadeGuitirizSecciones TerraCháXASin categoríaZonas LUGOXAZonas TERRACHÁXA

PP e BNG volven a súa atención cara a Casa da Botica de Guitiriz

Por 12 Xaneiro, 2021Sin comentarios

PP e BNG volven a súa atención cara a Casa da Botica de GuitirizOs desprendementos que se produciron na fachada da Casa da Botica de Guitiriz a pasada fin de semana están a xerar reaccións políticas na provincia.

O PP provincial insta á Deputación a velar pola seguridade do persoal que traballa nas obras do inmoble e dos veciños de Guitiriz, ao tempo que denuncia o retraso dos traballos para crear a residencia da terceira idade. Segundo o seu voceiro, Javier Castiñeira, “o PP entende que este non é un suceso illado, non é unha casualidade; é un suceso máis dun expediente que é un auténtico desastre por parte da Deputación de Lugo. Hai que recordar que este proxecto foi vendido durante moitos anos desde a Deputación, especialmente nas eleccións, como proxecto fundamental para esta localidade e o que vemos a día de hoxe é retraso que leva a obra, non só na súa execución, senón no propio expediente”. Os populares lembran que a obra tiña un ano de prazo de execución “e non se vai cumprir”. “Hai que darlle a razón ao ex alcalde popular Teixido, cando dicía que a elección do edificio non era a mellor elección para a residencia e había outras propostas moito mellores”, engade Castiñeira.

Para o PP, “o goberno da Deputación usou políticamente este asunto e debe dar explicacións de porqué esta xestión é un auténtico desastre”.

BNG

O BNG de Guitiriz achaca ao goberno municipal “a falta de control e responsabilidade” sobre a Casa da Botica e ínstao a “aplicar os debidos controis e que se formalicen os compromisos acadados coa Deputación para pór en marcha as obras de rehabilitación” do edificio.

O voceiro municipal, Xosé Lois Souto “Pereira”, asegurou que “os danos materiais que sufriu a Casa da Botica esta fin de semana, amosan a actitude e o interese do goberno municipal para mellorar a vida da veciñanza” e calificou de  “inadmisible” que o emblemático edificio guitiricense “continúe neste estado pola deixadez, conta con orzamento e proxecto de residencia de maiores, só fai falta aplicar os compromisos que se acadaron”.