Organizan novos cursos de socorrismo para a mocidade nas Pontes

O Concello das Pontes abre o luns, 18 de xaneiro, o prazo de inscrición do curso de salvamento e socorrismo acuático, organizado pola Deputación da Coruña, a través do Plan de Emprego Local, dirixido á xuventude desempregada.

O programa inclúe un curso de socorrismo en espazos naturais e un curso sobre socorrismo en instalacións acuáticas e as persoas interesadas deberán realizar o programa completo para obter o certificado de profesionalidade de ambas titulacións, que os capacitará para as tarefas de salvamento e socorrismo acuático.

O curso de socorrismo en espazos acuáticos naturais terá unha duración total de 420 horas, das que 340 serán de formación teórica e os 80 restantes de prácticas. Mentres que o de socorrismo en instalacións acuáticas será de 210 horas, 130 teóricas e 80 prácticas. O programa incluirá formación complementaria sobre o Manexo de desfibrilador semiautomático ( DESA) e formación transversal sobre inserción laboral, sensibilización ambiental e igualdade de xénero. A formación teórica práctica realizarase no Centro de Formación de Cruz Vermella na Coruña e as prácticas profesionais non laborais en praias dos municipios da provincia.

As persoas interesadas en participar nesta formación deberán estar inscritas na Oficina de Emprego que lle corresponda e coa tarxeta de demandante de emprego vixente á data do prazo de inscrición, ter cumpridos os 18 anos de idade no momento da inscrición e estar empadroado/a no concello das Pontes.

Por outra banda deberán estar en posesión dos títulos ou certificados precisos para cursar a formación correspondente ao certificado de profesionalidade de nivel 2 e carecer de afeccións crónicas e enfermidades infecto-contaxiosas.

Poderán inscribirse na área de emprego do Concello das Pontes, cita previa nos teléfonos 634790764 ou 664019792) desde o 18 de xaneiro ata o 3 de febreiro ás 14:00 horas e xunto coa folla de inscrición deberán achegar un certificado ou informe de saúde recente, emitido, asinado e selado por facultativo con data posterior
ao 11 de xaneiro de 2021, sobre o cumprimento das capacidades físico-psíquicas para o desenvolvemento da actividade profesional de salvamento e socorrismo acuático.

A inscrición realizarase nunha única solicitude para participar nas dúas accións formativas, obtendo así a dobre titulación, iniciándose en primeiro lugar a formación en socorrismo en espazos acuáticos naturais de xeito que as prácticas sexan coincidentes coa tempada de praias do ano en curso coa posterior incorporación, ao remate das mesmas, á formación en instalacións acuáticas.

Etiquetas