Skip to main content
A PastorizaActualidadeSecciones TerraCháXAVilalbaZonas LUGOXAZonas TERRACHÁXA

O Sergas anuncia un cribado en Vilalba tras seguir sumando casos

Por 19 Xaneiro, 2021Sin comentarios

A covid-19 non para de aumentar e segue sumando casos de forma ininterrompida. Este martes son 1.210, 64 máis que nas últimas 24 horas (onte foron 48). Rexistráronse neste tempo 86 contaxios novos (onte foron 82) mentres que as altas chegaron ás 7.090, 36 máis que o luns (o día anterior foron 55). Así, a evolución da covid non acelera pero crece de forma constante xa que os casos novos rondan dende hai varios días os 80 diarios.

Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 8.459 casos rexistrados e 152 persoas falecidas, nas que non se integran os casos de residentes de centros de maiores que faleceron noutras provincias tras ser trasladados.

Ademais, a boa nova de hoxe é a baixada da presión hospitalaria. A UCI do Hula acolle 7 pacientes, os mesmos que onte, e rexistráronse catro altas hospitalarias repartidas entre o hospital de Lugo e o da Mariña, que teñen agora mesmo 17 ingresados cada un. No de Monforte hai 5.

COMARCA

Na comarca, A Pastoriza mantén a estabilidade trala baixada de onte e respira un día máis coa esperanza de ter superado xa o pico da curva con 67 casos activos na última quincena.

Non así Vilalba, que continúa sumando casos malia o tímido de retroceso de onte. Suma catro máis ata chegar a 65. Así, o Sergas anunciou hoxe que finalmente farán un cribado esta semana na vila para atopar vías de control da expansión.

Si baixan de novo os casos en Castro de Rei, que queda en 12, con un menos.

Outeiro de Rei tamén estabiliza unha xornada máis en 10 casos, mentres o resto de concellos continúan coa pandemia controlada aínda que en todos hai polo menos un caso.

O veciño concello das Pontes volve sumar casos, nesta última xornada dous máis, e sobe aos 21, cun progreso continuo pero moi lento.

No resto da provincia a situación segue moi crítica en Viveiro, Xove, O Vicedo, Cervo e Burela, que entran no estado de máximas restricións especialmente fortes Viveiro co peche da hostalaría e suspensión de toda actividade non esencial.

No sur, Monforte e Sarria seguen subindo descontrolados agora mesmo con 57 e 42 contaxios, respectivamente, mentres Chantada tamén baixa a 28 e Bóveda suma ata 11. No centro, Lugo sitúase nos 164 casos e destacan os 10 de Láncara e os 15 de Palas de Rei.