Skip to main content
ActualidadeAs PontesSecciones TerraCháXAZonas LUGOXAZonas TERRACHÁXA

O anuncio de peche definitivo de Endesa encadea reaccións

Por 20 Xaneiro, 2021Sin comentarios

A anuncio onte do peche definitivo da central das Pontes realizado pola propia empresa ao considerar que as probas realizadas con lodos e biocombustibles son inviables non deixou a ninguén indiferente.

Na súa maior parte, as reaccións son de protesta ante esta decisión pero non faltan tamén as voces que se solidarizan con esta decisión.

CONCELLO DAS PONTES

O alcalde socialista das Pontes, Valentín González Formoso, asegurou que a intención de Endesa de pechar a central térmica non foi unha sorpresa e acusa á empresa de elaborar  un informe “cheo de falsidades”. Indicou tamén que a empresa viuse forzada a facer as probas pola presión do Goberno central, da Xunta, do Concello e da cidadanía.

Indicou que durante este tempo tiña o peche como obxectivo, xa que antes de anunciar os resultados das probas xa estaba facendo traslados do persoal a outros centros de traballo.

O rexedor socialista, que defendeu o dereito dunha empresa privada a tomar a decisión que considere oportuna, criticou que tente “enganar á sociedade”. Percibe que “desde hai tempo o compromiso de Endesa coas Pontes e con Galicia resúmese a un futuro plan eólico de centos parques que estarán nas proximidades do lugar onde está a facer tanto dano”.

NACIONALISTAS

O BNG exixe unha “reacción coordinada e decidida” do Goberno estatal e a Xunta co obxectivo de acadar un proxecto industrial alternativo de futuro para a comarca de Ferrolterra. “Exiximos solucións e propostas concretas e orzamentadas porque Endesa pecha sen alternativas”, recalca o portavoz nacionalista de Industria, Ramón Fernández, quen engade que “aquí non hai transición enerxética nin hai nada e isto non se pode consentir”.

Fernández considera o anuncio como a confirmación do “atraco a man armada” da eléctrica e advirte que a comunicación feita pola compañía “deixa en moi mal lugar” tanto ao Goberno central como ao galego. Neste sentido, lembra que aínda o día 17 deste mes o vicepresidente do Executivo galego, Francisco Conde, apostaba pola viabilidade dos biocombustibles para a central das Pontes, mentres que o Estado leva seis meses evitando reunir a mesa das Pontes, onde están representados todos os axentes económicos, sociais e das distintas Administracións.

O Bloque advirte de que o exhaustivo dos detalles técnicos que inclúe a eléctrica no seu anuncio e o feito de que veñan avalados por un tecnólogo internacional “da a idea de que é algo moi ben preparado e moi ben meditado. “É dicir -recalca o tamén deputado por Ferrolterra- Endesa marca os tempos e o ritmo, e ámbolos dous gobernos bailan ao seu son”.

Nesta liña engade que na súa comunicación, a compañía “anúncianos tamén que ten autorización para instalar 1.400 MW na rede eléctrica”, o que significa que “non só ten as autorizacións para instalar os correspondentes parques eólicos, senón tamén para facer uso dos nós de conexión”. Para Fernández, “Endesa xa decide ela todo, non precisa dos gobernos para nada”, o que cualifica de “algo tan insólito como indignante”.

A xuízo do Bloque, o anuncio da compañía coloca a toda unha comarca “aos pés dos cabalos”, un comportamento que, di, “non se pode consentir” e que exixe a acción conxunta de Estado e Xunta para ofrecer unha solución alternativa de futuro para As Pontes e toda a comarca de Ferrolterra.

Pola súa banda, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, declarou que “o informe feito público por Endesa no que considera inviábel utilizar como combustíbel na central térmica das Pontes a mestura de biocombustíbeis e carbón, supón que descarta unilateralmente e sen diálogo de ningún tipo prolongar a vida da instalación, confirmando o pechamento que xa anunciara en 2019”. O BNG móstrase preocupado desta decisión que afecta a máis de 2.000 persoas, “pois da planta dependen moitos outros postos directamente vinculados como son os transportistas de carbón, o persoal de empresas auxiliares, as e os traballadores do porto de Ferrol, e todo o tecido empresarial da comarca que dependen da actividade da central e da súa cadea de provedores” sinalou o deputado.

XUNTA DE GALICIA

A Xunta de Galicia amosou a súa máis absoluta oposición á decisión unilateral anunciada por Endesa de pechar a central térmica das Pontes. O Goberno galego lamenta que a compañía tome esta decisión sen contar co resto de integrantes que conforman a mesa de traballo que está a buscar solucións para esta comarca. Neste sentido, trátase dunha decisión que a empresa adopta aproveitándose dunha transición enerxética inxusta, caótica e desordenada que está levando a cabo o Executivo central.

Despois de dez meses nos que a través dun grupo técnico –no que están presentes todas as administracións e no que a Xunta participa a través do Inega– se están buscando alternativas industriais que fagan viable a planta desde o punto de visto técnico, medioambiental e económico, Endesa vén de rachar con todos os compromisos adquiridos e anuncia o peche da central antes incluso de presentar o informe coas conclusións das probas con biocombustibles. Por este motivo, o Goberno galego rexeita tanto a decisión como a falta de respecto institucional e con Galicia que acaba de amosar Endesa. Non se pode consentir que adopte esta decisión transcendental para o futuro desta comarca de forma unilateral.

As Pontes, os traballadores da central térmica e da industria auxiliar, e os camioneiros non se merecen o peche da planta. Trátase dunha decisión nefasta. Por este motivo, a Xunta de Galicia solicita ao Goberno que convoque canto antes a mesa das Pontes para que a empresa explique esta decisión e se poidan avaliar polo miúdo por parte dos técnicos as conclusións do seu informe. Cómpre lembrar que as últimas informacións apuntaban a que, segundo os resultados das probas con biocombustibles, a planta podería ser viable desde o punto de vista técnico e medioambiental, polo que o anuncio de hoxe é aínda máis incomprensible.

GALIZA SEN CARBÓN

A plataforma Galiza, un futuro sen carbón celebra a decisión definitiva de Endesa de pechar a central de carbón das Pontes como un enorme éxito na loita desde a nosa terra contra a emerxencia climática global. Confirmada a inviabilidade da falsa solución da co-combustión de carbón e residuos, agora cómpre centrar por fin os esforzos na implementación dun Convenio de Transición Xusta que non esqueza tampouco a transportistas do carbón e a traballadores das industrias auxiliares.

O cesamento da actividade da central de carbón das Pontes acabará co maior foco galego de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) e un dos principais de Europa. Antes da brusca caída da súa produción, na primavera de 2019, representaba nada menos que un 25% do total das emisións territoriais galegas de GEI (1). E mesmo a pesar da forte redución da súa actividade, en 2019 volveu ser, como nos 40 anos anteriores, a industria galega que máis contribuíu á crise climática.

Os resultados das probas de co-combustión de mesturas de carbón e residuos orgánicos (biocombustibles) divulgados por Endesa certifican a inviabilidade de converter a central de carbón das Pontes tamén nunha incineradora de residuos orgánicos (lodos de depuradoras de augas residuais e xurros de granxas). Esta suposta alternativa, defendida por todas as institucións galegas, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e os principais sindicatos, non foi proposta para ningunha outra central de carbón de España e, que saibamos, do mundo. Foi un derradeiro e desesperado intento de alongar a vida dunha enorme fábrica de cambio climático, que non serviu para outra cousa que para atrasar aínda máis a inevitable adaptación socioeconómica a un futuro sen carbón.

O remate da produción da central de carbón das Pontes este mesmo ano, unido ao da central de Meirama en xuño de 2020, suporá un enorme avance na descarbonización do sector eléctrico galego, mais non a súa conclusión. Para contribuírmos a limitar o quecemento global a 1,5ºC, Galicia debería reducir as súas emisións de GEI en, polo menos, un 65% xa en 2030, con respecto a 1990. Para iso, é imprescindible, aínda que non suficiente, que se deixen de utilizar canto antes gas e derivados do petróleo na xeración eléctrica, en centrais de ciclo combinado e/ou en centrais de coxeración como as vencelladas a algunhas industrias, así coma no resto de sectores onde se empregan combustibles fósiles.