Seis defuncións na provincia marcan a crónica da evolución da covid

A covid-19 non para de aumentar e segue sumando casos de forma ininterrompida e con máis virulencia. Este mércores son 1.273 os casos activos, 63 máis que nas últimas 24 horas (onte foron 64). Rexistráronse neste tempo 104 contaxios novos (onte foron 86), a cifra máis elevada desta terceira vaga. Mentres, as altas chegaron ás 7.138, 48 máis que o martes (o día anterior foron 36). Así, a evolución da covid acelera tras varios días en aumento constante, xa que ata o de agora os novos casos rondaban os 80 diarios.

Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 8.576 casos rexistrados e 157 persoas falecidas, nas que non se integran os casos de residentes de centros de maiores que faleceron noutras provincias tras ser trasladados. Na última xornada producíronse na área sanitaria de Lugo seis falecementos, dúas mulleres de 95 anos procedentes da residencia da Pastoriza, outras dúas de 90 e 85 anos do centro de maiores de Xove, unha de 78 do asilo de Ribadeo e outra muller de 84 no hospital de Monforte.

A presión hospitalaria mantense estable pero aumenta a presión en UCI, que chega a ter 8 pacientes, un máis. Baixa en dúas persoas. Hai 16 no Hula (unha menos), 19 na Mariña (dúas máis) e 2 en Monforte (tres menos).

COMARCA

Na comarca, A Pastoriza respira máis tranquila tras varios días en descenso de casos. Hoxe son 66, un menos que onte.

Non así Vilalba, que continúa sumando casos en forma de goteo constante. Acada hoxe a mesma cifra ca Pastoriza, un máis que onte, á espera do cribado que se vai realizar esta semana segundo anunciou a Xunta. Si baixan de novo os casos en Castro de Rei, que queda en 11, cun menos.

Outeiro de Rei segue estabilizado unha xornada máis en 10 casos, mentres o resto de concellos continúan coa pandemia controlada aínda que en todos hai polo menos un caso.

O veciño concello das Pontes certifica hoxe un caso menos e queda en 20 trala subida paulatina dos últimos días.

No resto da provincia a situación segue moi crítica en Viveiro, Xove, O Vicedo, Cervo e Burela, que entran no estado de máximas restricións especialmente fortes Viveiro co peche da hostalaría e suspensión de toda actividade non esencial. Aínda así, os datos parecen falar de contención do virus. Preocupa o aumento en Ourol, que xa conta con dez casos.

No sur, Monforte e Sarria seguen subindo descontrolados agora mesmo con 68 e 52 contaxios, respectivamente, produto de dúas celebracións. Xunto a estes están afectados tamén Quiroga con 26, Bóveda e Láncara con 11. Chantada mantense en 28. No centro, Lugo suma 22 casos ata os 186 casos e destacan os 23 de Palas de Rei, oito máis que onte.

Etiquetas