Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXAAMARIÑAXA

Abre a convocatoria de axudas para plantacións forestais

Por 24 Xaneiro, 2021Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou unha orde da Consellería do Medio Rural coas bases e a convocatoria para 2021 das primas de mantemento das forestacións. Estas achegas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, e están dotadas cun orzamento total de 2,25 millóns de euros para o período 2021-2022-2023.

Os beneficiarios destas primas serán unicamente os titulares de plantacións forestais con subvencións xestionadas pola Xunta antes do 31 de decembro de 2020 ao abeiro das ordes de axudas para a reforestación e a creación de superficies forestais correspondentes aos anos 2016, 2017 e 2018, e que soliciten as achegas previstas nesta orde. Non poderán solicitalas os beneficiarios destas primas nos anos 2019 e 2020.

Estas primas teñen como finalidade contribuír ao coidado, mantemento e demais traballos forestais posteriores á plantación, financiando os traballos mediante unha prima de mantemento anual nos primeiros anos de existencia das plantacións realizadas.

As accións previstas financiaranse cun importe total de 2,25 millóns de euros, a razón de 750.000 euros anuais en 2021, 2022 e 2023. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de hoxe, día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sistemas agroforestais

O DOG tamén publica hoxe a nova convocatoria das primas de mantemento para os sistemas agroforestais, que combinan o aproveitamento forestal coa actividade agrícola e na cal se inclúen como actuacións elixibles os custos de mantemento desas forestacións en forma dunha prima anual por hectárea. O orzamento previsto é de 60.000 euros, a razón de 20.000 euros anuais en 2021, 2022 e 2023.

Poderán ser beneficiarios desta liña de achegas os titulares dos expedientes pagados antes do 31 de decembro de 2020 ao abeiro da orde de axudas de 2016 para o establecemento de sistemas agroforestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e sempre que non fosen beneficiarios da convocatoria destas primas nos anos 2019 e 2020.

Ao igual que na liña anterior, estas primas teñen como finalidade contribuír ao éxito do establecemento do sistema agroforestal alcanzado, financiando os traballos de mantemento nos primeiros anos de existencia das plantacións forestais realizadas.

Os interesados poderán solicitar estas subvencións a partir de mañá, de forma telemática a través do formulario normalizado en https://sede.xunta.gal. O prazo de presentación de ditas solicitudes será dun mes, contado a partir de mañá.

Enlaces ás convocatoria no DOG:

  • Primas superficies forestais:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210122/AnuncioG0426-070121-0003_gl.html

  • Primas sistemas agroforestais:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210122/AnuncioG0426-070121-0001_gl.html