Skip to main content

Por Miriam Fernández

  Rodeado polos ríos Landro, Eume e Sor, o Concello de Muras abrangue una extensión de 163 km2 marcados en boa parte pola orografía da Serra do Xistral, atesourando entre os seus límites unha importante riqueza paisaxística de verdes cumios e frondosa vexetación entre a que viven en liberdade os seus afamados cabalos de raza galega e hispano-bretoa.

Aínda así, esta localidade non só destaca polo seu patrimonio paisaxístico, xa que, repartidos polas súas oito parroquias, atopamos numerosas testemuñas da historia e arte das súa xentes dende épocas temperás, situando este Concello como referente turístico e patrimonial lucense grazas á simbiose destes dos dous atractivos: natureza e historia.

Partindo duns dos xacementos Paleolíticos máis antigos e relevantes de Galicia, como son o Abrigo de Vidal e o de Chan de Cruz, pasando polas medoñas das Louseiras e o Burgo, ou os castros Picheira, Paredes e Corrusco, a historia humana de Muras foi evolucionando e materializándose no territorio mediante distintas expresión (máis ou menos conservadas) nas que destacan tamén importantes igrexas, pazos, cruceiros, torres e casas fidalgas de renome espalladas pola súa ampla xeografía.

Ademais, o escudo Municipal, aprobado en 1997, contén nas súas armas a imaxe de tres torres como recordo das tres fortalezas que existiron dentro das súas limitacións, unhas construcións case desaparecidas pero que a súa importancia obrou o seu mantemento como emblema do Concello: A fortaleza de Muras, a de Silán e a de Goía (da que non se dispón de información).

A Fortaleza ou Casa Forte de Muras foi unha edificación fortificada datada do século XII, construída sobre as ruínas dun antigo castro no lugar coñecido como “Fraga do Castelo”, na parroquia do Burgo, propiedade de varios señores entre os que destacan os Condes de Lemos e Pardo de Cela. Da fábrica orixinal non se conservan máis que parte dos cementos da estrutura e outros restos esparexidos polas casas da zona e a reitoral, pero sabemos que orixinariamente constaba a lo menos cunha torre da homenaxe almenada rodeada por unha muralla que a protexía a ela e outras estancias anexas.

A Torre de Silán está datada entre os séculos XIII e XIV, emprazada no lugar da Torre, parroquia de Santo Estevo de Silán. No seu día foi propiedade de Dona Constanza de Castro e Osorio, nobre galega señora dos Coutos de Silán e Codesido, filla do Mariscal Pardo de Cela e casada con Rui Díaz de Andrade, señor de Pantaleón das Viñas (Betanzos). Actualmente a fortaleza perdeu a súa forma primitiva e foi adaptada posteriormente coma casa de labranza, conservándose só o piso inferior da torre de planta cadrada á que se lle engadiu un anexo e se cubriu a catro augas. A fachada de acceso á antiga torre está construída mediante perpiaños de maior tamaño que o dos outros dos muros e presenta unha entrada principal elevada mediante escalinata que desemboca unha porta con arco de medio punto. Unha cenefa decorativa de medias esferas recorre as xambas e o arco, mentres que nas dovelas podemos distinguir tallados distintos anagramas. Na casa reitoral (lindeira) consérvase un escudo que no seu día presidiría a torre, no cal se identifican varios blasóns familiares: Castro (roeles), Alfeirán (cervo), Andrade (banda con dragantes) e Faxardo (aguillóns de Ortegal). O aleiro está engalanado co que parecen semiesferas ou “casulos” florais, e a ventá, enmarcada cunha cenefa decorativa vexetal, remata na parte superior cun lintel no que se tallou un arco conopial.

Aínda que moi modificados, a memoria destes edificios segue enraizada na historia do Concello, sumándose como parte dos recursos desta fermosa terra que se abre á Chaira e á provincia dende o alto do Xistral.