A presión hospitalaria dispárase na provincia pola covid

A situación empeora de forma alarmante na provincia en consonancia co que está a acontecer no resto da comunidade autónoma onde se espera un endurecemento das medidas de control do virus.

Este luns o Sergas certifica un total de 1.731 casos activos, 65 máis que onte (na xornada anterior foron 121). Rexistráronse neste tempo 111 contaxios novos (onte foron 157) e as altas chegaron ás 7.454, 56 máis que o sábado (o día anterior foron 50). Aínda que os datos de contaxios son mellores con respecto á xornada anterior seguen sendo moi altos e co condicionamento de corresponder á fin de semana, cando a actualización non é tan inmediata.

Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 9.353 casos rexistrados e 160 persoas falecidas, nas que non se integran os casos de residentes de centros de maiores que faleceron noutras provincias tras ser trasladados.

Pero o que preocupa máis na xornada de hoxe é a presión hospitalaria que aumenta ata datos preocupantes. A UCI do Hula sobe a 15 ingresados, catro máis que onte, mentres nas plantas suman tres casos máis ata os 51 de hoxe. Hai 26 no hospital de Lugo (2 máis), 18 na Mariña (1 menos) e 6 en Monforte (2 máis).

COMARCA

Vilalba, que rompeu onte a barreira dos cen casos, sobe catro máis dende onte e sitúase en 108. O Concello realizou esta fin de semana un cribado entre a poboación moza mediante un novidoso sistema de saliva, ao que só acudiron algo máis do 65% dos convocados.

Na Pastoriza, continúa o descenso da incendencia con sete casos menos ata os 28 que figuran a día de hoxe e que confirman que a situación está en total retroceso no municipio.

Na comarca tamén hai presenza da covid de forma significativa en Begonte, que mantén os 12 casos de onte, e Friol que suma dous para obter a mesma cantidade de infectados. Outeiro de Rei segue cos mesmos 15 da xornada anterior e Riotorto suma un máis e xa son 13. Tamén se une Castro de Rei con 11 casos novos na última quincena.

O veciño Concello das Pontes certifica hoxe unha nova subida sumando cinco casos o que fai que queden rexistrados 40. Este mantén nos últimos quince días unha subida constante de casos.

No resto da provincia a situación segue sendo difícil en Viveiro, Xove, O Vicedo, Cervo e Burela, que están no estado de máximas restricións, especialmente fortes Viveiro co peche da hostalaría e suspensión de toda actividade non esencial. Nos catro casos a covid está estabilizada ou en descenso, o mesmo que Foz e Ribadeo, que se manteñen en cifras parellas ás de onte. Ourol volve sumar ata 10 casos e sobe a súa incidencia a niveles de alerta.

No sur da provincia é onde a situación segue descontrolada. Monforte e Sarria seguen aumentando contaxios sen control. Agora mesmo no primeiro hai 163 (18 máis que onte) mentres o segundo ten 144 (10 máis que onte), neste caso debido a un gromo detectado na residencia de maiores. Xunto a estes están afectados e en aumento tamén Quiroga con 77 (9 máis), Chantada con 36, Pantón con 21, Bóveda con 12 e Sober con 11 casos. Tamén O Incio acada os dez casos mentres o Saviñao baixa a 21.

No centro, Lugo suma 19 casos máis ata os 298 e destacan os 45 de Palas de Rei, os 19 de Láncara e os 10 de Monterroso e O Corgo.

Etiquetas