Anpas da comarca reciben unha achega para facer actividades contra a violencia

14 asociacións de nais e pais (anpas) lucenses recibiron subvencións para desenvolver actividades de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e rexeitamento da violencia de xénero.

Estas agrupacións percibirán achegas que suman 48.600 euros para poñer en marcha accións de fomento da igualdade dirixidas ao alumnado, ás familias e a toda a comunidade educativa.

Trátase dunha orde de axudas que se inscribe no Pacto de Estado contra a violencia de xénero e que na provincia de Lugo beneficia ás anpas dos ceips Otero Pedrayo (Rábade); Laverde Ruíz (Outeiro de Rei); Santa María (O Valadouro); Vista Alegre e Virxe do Carme (Burela); Lagostelle (Guitiriz); número 1 de Foz; Ceip de Antas de Ulla; Ceip de Quiroga, anpa As Faias do Ceip Virxe do Corpiño (Begonte); anpa da Ulloa (Palas de Rei); EEI de Vilalba; CPI Ramón Piñeiro (A Pobra de San Xiao); e a asociación de nais e pais do IES de Alfoz-O Valadouro.

As contías concedidas van destinadas a financiar accións de formación para as familias en temas de igualdade, elaboración de materiais divulgativos que axuden a detectar situacións de violencia de xénero, organización de actividades de difusión contra a cosificación do corpo das mulleres, información sobre o uso axeitado da internet e as novas tecnoloxías, sensibilización sobre os estereotipos persistentes na sociedade ou accións para dar a coñecer as pautas de prevención da violencia de xénero e os protocolos existentes en casos de agresións.

Etiquetas