Brais incorpórase ao CD As Pontes como porteiro e Moya regresa ao club

Brais Vázquez encargarase de cubrir a baixa de Paco Fernández na meta do As Pontes despois de que este sufrira un golpe na faciana que lle provocou unha rotura de pómulo, que requirirá de ciruxía e que o manterá alonxado da actividade polo que resta de tempada.

O porteiro, de 20 anos de idade, chega cedido procedente do Polvorín, filial do Lugo e co que foi convocado para cinco partidos do campionato ligueiro do subgrupo 1-A de Terceira División. O gardamallas espera atopar no Poboado os minutos dos que non dispuxera na súa anterior etapa para, desta maneira, dar un paso adiante na súa traxectoria futbolística. A súa chegada coincidiu coa anulación do primeiro partido que ía disputar por mor dun caso de coronavirus detectado no equipo pontés polo que non puido debutar, como se esperaba, ante o Vilalbés.

Por outra banda, Manu Moya, que se vira obrigado a abandoar o club por motivos persoais, confirmou a súa reincorporación á plantilla de Chollas no que será un importante reforzo de cara ó que resta de tempada.

Etiquetas