A Xunta e a UXT defenden a viabilidade das probas realizadas en Endesa

A Federación de Industria, Construción e Agro (Fica) de UXT asegurou onte que o proxecto da central térmica das Pontes baseado nunha aposta por biocombustibles e gas natural que non contempla a utilización de carbón é totalmente solvente e ten futuro polo que consideran que Endesa presentou “un informe interesado para xustificar a súa decisión de suspender a actividade da central e que se basea nun pretexto equivocado deliberadamente”.

O sindicato con maior representación no comité aposta por un “proxecto verde, estratéxico e tractor” que participe na produción de enerxías limpas e alíñese cos obxectivos marcados pola UE, ademais de poder optar a fondos da mesma.

En concreto, o responsable de Política Industrial da SSE, Marcos Prieto, indicou que as probas realizadas falan de viabilidade e foron realizadas cunha participación do 70% de enerxía achegada por biocombustibles e o 30% da obtida a partir de gas natural.

Ao eliminar o carbón da ecuación, o sindicalista explicou que o obxectivo é “transformar a central nun reactor químico que permita retirar contaminantes que actualmente se están utilizando como abono”. Así, defendeu o proxecto de substitución exposto, que resulta posible e factible e non require dunha transformación da totalidade da central.

Por iso, instou a Endesa ha profundar nas probas realizadas con biocombustibles e descartou que esta proposta represente un investimento millonario. Nesta liña, concretou que as melloras técnicas propostas por UXT están baseadas na reutilización de partes doutras instalacións da mesma empresa que se vaian a pechar.

Marcos Prieto indicou tamén que a única aposta polo biocombustible e o gas natural podería permitir que o custo do megawatt hora se situase en 36 euros fronte aos 65 que estima Endesa ao contemplar a utilización do carbón, que leva gravames derivados de emisións.

Respecto da xeración de cinzas pola mestura de carbón e lodos de depuradora que o informe da empresa sinala que non serían admitidas nos vertedoiros de residuos non perigosos por pasar os límites, o sindicalista afirmou que a lexislación ambiental permite superar os valores de selenio e sulfatos actuais.

IDAE E INEGA

A Xunta reuniuse este martes con Endesa para esixirlle a análise de solucións que permitan que a planta das Pontes sexa viable.

En concreto, tratouse dunha reunión a nivel técnico, entre técnicos da Xunta –a través do Inega– e do Idae con técnicos de Endesa para avaliar as probas con biocombustibles realizadas na central térmica das Pontes.
Nas súas conclusións, Xunta e IDEA confirman que as probas foron positivas, e por tanto viables desde o punto de vista técnico e ambiental.

Trasladadas estas conclusións aos representantes de Endesa na comisión técnica, o departamento de Francisco Conde entende “que a empresa debe analizar solucións que permitan que a planta sexa viable desde o punto de vista económico e garantir por tanto a continuidade da actividade na central das Pontes”.

Etiquetas