As Pontes renova o seu compromiso na loita contra a violencia de xénero

O Concello asinou, a semana pasada, a renovación do acordo interinstitucional para a coordinación das actuacións en materia de loita contra a violencia de xénero en As Pontes e que garante a coordinación das distintas institucións e entidades implicadas na intervención e apoio nos casos de violencia de xénero.

Tania Pardo, responsable da área de Igualdade do Concello das Pontes remarca a importancia deste acordo asinado xa que “a violencia contra as mulleres é un dos principais problemas na nosa sociedade, supón un serio atentado contra a súa dignidade e, en consecuencia, unha grave violación dos seus dereitos e conleva graves secuelas, tanto físicas como psicolóxicas. As institucións públicas debemos poñer en común todos os medios persoais e materias dos que dispoñemos para proporcionarlles unha atención de calidade e loitar de maneira firma conta a violencia de xénero, establecendo unhas pautas de actuación homoxéneas que garantan a protección integral das mulleres e das súas fillas e fillos”

Este acordo institucional, asinado pola Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a muller do Goberno de España, as concellerías de Benestar, Igualdade e Seguridade Cidadá das Pontes, a Policía Local e Garda Civil, o centro de saúde o municipio, o colexio da avogacía de Ferrol, a oficina de emprego os centros educativos da localidade, ten como obxectivo prioritario garantir, ás persoas que sofren violencia de xénero, en calquera das súas manifestacións, unha resposta axeitada a súa situación, marcando pautas de actuación homoxéneas que garantan unha atención de calidade e unha intervención integral.

Por outra banda, a través deste acordo as institucións asinantes comprométense, a través da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional, a desenvolver políticas no ámbito municipal que contribúan a lograr unha comunidade local sen violencia machistas a través da detención temperá de violencias contra a muller, a coordinación dos servizos públicos, a atención áxil antes as diferentes casuísticas de violencia de xénero e a posta en marcha de accións de sensibilización, prevención e formación, dirixidas tanto a profesionais como á cidadanía.

Etiquetas