Skip to main content
Muras

Abre un novo prazo para solicitar as axudas da luz en Muras

Por 1 Febreiro, 2021Febreiro 3rd, 2021Sin comentarios

Un ano máis, o Concello de Muras abre hoxe, día 1 de febreiro o prazo para que os veciños soliciten as axudas para o consumo eléctrico, postas en marcha como explicou o alcalde, Manuel Requeijo, co obxectivo de “garantir a calidade de vida e de benestar de todos os veciños do concello de Muras, especialmente a suficiencia económica da terceira idade, xa que constitúe o sector maioritario da nosa poboación”.

Así, en virtude destas axudas, o Concello manterá aberto durante todo o mes de febreiro e nesta ocasión ata o 15 de marzo o prazo para solicitar as subvencións municipais sobre consumo eléctrico. Todos os interesados en solicitar esta axuda terán que presentar as facturas correspondentes a todo o ano pasado. Unha vez revisados e cotexados todos os casos, o abono faise nun único pago.

O goberno local de Muras incorporou este ano unha nova liña de axudas, destinada aos autónomos, pequenas empresas ou explotacións agropecuarias radicadas no municipio, para subvencionarlles tamén o pago da factura da luz, cunha contía fixa de ata 1.500 euros. Esta liña incorpórase como unha medida que intenta paliar a incidencia na economía local da crise provocada pola pandemia da covid-19.

FOGARES

Ademais, manterase a liña de sempre dirixida a subvencionar os gastos domésticos con unha subvención de ata 600 euros para cada familia. O que si cambia é que para chegar á máxima cuantía elévase o tope e este cobrarse en fogares con restas infereriores a 15.000 euros, cando antes eran para os de menos de 11.000 euros.

Poden optar a estas axudas cada un dos representantes das unidades familiares que consten no censo de empadroamento do Concello. Para este procedemento tense en conta o padrón de habitantes e vivendas que conste no Rexistro do Concello o día da súa aprobación no Pleno da corporación municipal.

Concédese unha soa axuda a cada representante da unidade familiar que o solicite e unha soa por vivenda habitual e por contador da luz destinado a esta función. No caso de edificios de vivendas, pódese conceder a axuda a cada unidade que forme parte del e que así conste no padrón. Non poderán optar aqueles que teñan débedas coa Administración local, agás que sexan abonadas antes do remate do prazo para presentar as solicitudes.

Debido á situación sanitaria actual, as solicitudes e documentación presentarase preferentemente por vía telemática a través da sede electrónica municial. Os que prefiran facelo presencial, deberán obter cita previa a través dos teléfonos 982 500 001 ou 982 500 012.