Skip to main content
Vilalba

Entregadas dúas vivendas de promoción pública en Vilalba

Por 5 Febreiro, 2021Sin comentarios

A Xunta entregou dúas vivendas de promoción pública no casco histórico de Vilalba, situadas nun edificio da rúa da Roxeira no que o Instituto Galego de Vivenda Solo (IGVS) xestiona o alugueiro de seis pisos, todos eles ocupados.

O delegado territorial, Javier Arias, explicou durante o acto de entrega que os dous domicilios que acaban de ser adxudicados teñen ambos 64 metros cadrados, dous dormitorios e praza de garaxe.

Segundo indicou, as promocións do IGVS nesta localidade suman 294 vivendas que rexistran plena ocupación. “Os procesos de adxudicación son constantes e en canto un piso queda vacante, a Xunta axiliza ao máximo os trámites para poñelo de novo a disposición das persoas solicitantes, que deben de estar inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma”, sinalou o delegado.

Arias tamén incidiu en que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda promoverá máis vivendas de promoción pública que contribuirán a revitalizar o casco vello vilalbés. Así, lembrou que están licitadas as obras de recuperación de dúas edificacións en estado de ruína situadas nas rúas Concepción Arenal e Ferrería, ás que o ente autonómico destinará preto de 400.000 euros.

Os edificios foron adquiridos polo IGVS co dobre obxectivo de facilitar o acceso á vivenda á cidadanía, especialmente en concellos como Vilalba cunha notable demanda, e contribuír á recuperación da zona histórica.