Vilalba Aberta asegura que hai descontento coas axudas á conciliación

O pasado 7 de setembro, Vilalba Aberta censuraba o “unilateral anuncio” do goberno do PSOE, en relación coa posta en marcha dunha liña de axudas á conciliación por valor de 35.000€. Unha “vaga comunicación en prensa” que, para a formación asemblearia, obviaba o aprobado en Pleno, pois, no ordinario do mes de xullo e a iniciativa de VA, fora xa aprobada a posta en marcha dun sistema municipal de cheques axuda á conciliación e que poñía a disposición das familias de vila e parroquias arredor de 160.000€ no primeiro ano.

“Xunto ás aprobadas axudas a autónomos, o primeiro de moitos intentos de pasar por enriba da democracia municipal” lembraba o seu voceiro na corporación, Modesto Renda, que, 4 meses despois da primeira vez que o levou a Pleno, fará unha vez máis súa a indignación das nais e pais afectados, en relación cunhas axudas municipais ás que cualificou de “estafa ás familias traballadoras”.

En setembro, dende Vilalba Aberta definiuse de “publicidade enganosa” que o total orzamentado polo Goberno se correspondera “exactamente” coa cantidade que o Concello se aforraba ao non colaborar con Anpas e Ludotecas na prestación do Servizo de Madrugadores. Agora, a formación apunta ademais o investimento, pois, tal e como lembrou Renda, “O Goberno Municipal nin tan sequera mobilizou unha cuarta parte do inicialmente consignado (arredor de 8.000€), logo da improvisada redacción dunhas bases surrealistas e, en consecuencia, contestadas por aquelas nais e pais aos que hipoteticamente se dirixían.”

Un balance “nefasto”, que vinculou á “incomprensible teima do goberno socialista de botar abaixo unha iniciativa traballada e contrastada no Concello de Ribadeo soamente por ser proposta de Vilalba Aberta, co fin de substituíla por outra que nin tan sequera foi a Pleno e da que, ata a súa publicación no BOP, a oposición non contou co máis elemental borrador de bases reguladoras da súa tramitación.”

Tal e como lembrou Renda, logo de que o 27 de novembro se fixera público o acordo no que a Xunta de Goberno acordara denegar parte a subvención solicitada “por non se acadar a puntuación mínima esixida” ; foron varias as familias que se viron na obriga de denunciar que, en base ao establecido no artigo 6 das bases (aprobadas polo Goberno o 28 de setembro e modificadas o 5 de outubro, logo dunha argumentada queixa en redes), se establece que este se aplica aos casos en que “o número de solicitudes supere o crédito máximo de 35.000€” (Art.5).

“Cal é pois, a contradición? Que do expediente resulta que o orzamento total é suficiente para o conxunto dos solicitantes, co cal en ningún momento entraría en xogo o disposto no artigo 6.” Explicou.

É por isto que, ao non ser aplicable o disposto no artigo 6, Renda reivindicará no Pleno que, ao menos, se conceda a subvención solicitada naqueles casos nos que se reúnan os requisitos esixidos no artigo 4º, en tanto que, no citado artigo, non se especifica que sexa necesario acadar unha puntuación mínima de 6 puntos para que a solicitude sexa subvencionada, “pois isto só se esixe no caso de que o número de solicitudes supere o crédito máximo”, apuntou.

A rectificación, solicitarase, de acordo co Regulamento Orgánico Municipal, no marco dunha petición de comparecencia da Concelleira de Políticas Sociais, Marta Rouco. Un mecanismo, a través do que Vilalba Aberta fará posible que o Goberno dea conta diante da veciñanza do “evidente fracaso municipal en materia de conciliación”, así como do “ inxustificable silencio administrativo diante das familias”.

Etiquetas