Proxectan nas Pontes o documental 'Luz de Gas', en defensa do patrimonio industrial

TerraChaXa
Será este luns, ás 20.00 horas e intervirá a directora e guionista, Ana Asión
relatorio-luz-de-gas
29 Dec 2024

A Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes organiza este luns 30 de decembro ás 20:00, na Casa Dopeso, unha sesión especial de cinefórum coa proxección do documental Luz de Gas (2023). Este evento coincide co Nadal e co cuarto mes desde a constitución da plataforma, sendo unha oportunidade para reflexionar sobre o futuro do municipio fronte ao desmantelamento da central térmica.

O documental Luz de Gas aborda o declive do sector enerxético turolense ligado ao carbón, explorando os efectos do peche das minas de Ariño en 2019 e do posterior desmantelamento da Central Térmica de Andorra. Trátase dun caso semellante ao das Pontes, cuxo estudo pode achegar importantes ensinanzas sobre as repercusións socioeconómicas e ambientais destes procesos.

A sesión audiovisual busca promover o debate sobre o impacto desta transición industrial na poboación e explorar posibles solucións ou camiños para o futuro do pobo. Intervirá a directora e guionista, Ana Asión.

0.16927218437195