'Un Safari Xeitoso' se representará este domingo en Muimenta
O vindeiro domingo, 1 de decembro, o teatro aficionado será o protagonista na Casa da Cultura de Muimenta coa representación da obra Un Safari Xeitoso, a cargo da compañía Os Trocos. O evento, que comezará ás 18:30 horas, promete unha tarde de diversión e entretemento para todos os públicos.
Esta actuación forma parte do circuíto de teatro aficionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, unha iniciativa que busca promover a cultura teatral e dar visibilidade aos grupos locais. A entrada é completamente de balde, o que facilita o acceso a este tipo de actividades culturais.
Un grupo de turistas galegos trasládase a Kenia a facer un safari e coñecer as marabillas do Serengueti, acompañados de Carlos, un guía galego namorado de África. Ao mesmo tempo, a gravación dun spot publicitario organizado pola Consellería de Sanidade da Xunta e protagonizado por unha vella gloria do cine norteamericano, será o desencadeante de varias situacións que dificilmente levarán a bo porto estas "salvaxes" vacacións.