10 asociacións da industrial forestal recibirán axudas autonómicas
Investidos un total de 288.000 euros en axudas para 130 accións formativas que teñen como obxectivo impulsar a competitividade da industria forestal galega, para ofrecer unha formación especializada para favorecer o crecemento e modernización deste sector estratéxico.
As beneficiarias son 10 asociacións vinculadas ao sector que serán as encargadas de organizar as actividades, que van desde cursos e obradoiros a seminarios e xornadas centradas nos eidos máis demandados por esta industria.
Esta acción enmárcase na formación de profesionais cualificados, o desenvolvemento de competencias relacionadas coas novas tecnoloxías e a innovación e promoción da transferencia de coñecemento á industria e compleméntase cos cursos que se imparten con simuladores, un método que permite aos alumnos recrear situacións reais de traballo e sentar as bases do coñecemento da maquinaria forestal.
Este programa súmase ás axudas concedidas a pemes e micropemes para fomentar o uso de novas tecnoloxías e á convocatoria de innovación dirixida ás empresas de segunda transformación e do contract. No primeiro caso, aprobáronse 81 iniciativas ás que destinaronse 8,9 millóns de euros e que mobilizarán 26,9 máis. E no segundo, estanse apoiando 14 proxectos cun investimento de 1,9 millóns de euros que mobilizarán máis de cinco e que teñen como obxectivo aumentar a produtividade, a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados e a posta en marcha de procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental.
Todos estes programas están incluídos na Axenda de impulso da industria forestal 2019-2021, a nova ferramenta do Goberno galego coa que busca favorecer a modernización deste tecido empresarial, atender as demandas actuais e contribuír á construción dunha sociedade saudable, baixa en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais. Trátase de conseguir que se incremente a demanda e uso da madeira e os produtos forestais, actuando como elementos centrais de impulso á bioeconomía.