103 centros escolares da provincia participarán na Semana Escolar da Árbore e da Auga
O Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, presentou este venres a 7ª Semana Escolar da Árbore e da Auga, que se desenvolverá ao longo da semana lectiva do 19 ao 23 do presente mes de marzo, organizada polo Goberno da Deputación co obxectivo de conmemorar os Días Mundiais da Árbore e da Auga, que se celebran os días 21 e 22 de marzo.
Fernández Queipo destacou “a extraordinaria acollida desta iniciativa con 103 centros públicos de Educación Infantil e Primaria da provincia inscritos, nos que se realizarán as actividades propostas. Un total de 15.651 escolares co seu profesorado (14.704 escolares e 1.099 docentes) participarán na 7ª Semana Escolar da Árbore e da Auga en toda a provincia de Lugo”.
O Deputado de Medio Ambiente engadiu que “o obxectivo é chamar a atención sobre as secas e os incendios educando na conciencia ambiental e na prevención e conservación da natureza, de xeito que o alumnado goce e aprenda ao mesmo tempo. O día 23 de marzo, como conclusión das actividades, ás 12:00 horas da mañá, nos colexios procederán á plantación e rego dun pé de salgueiro, ao que poñerán nome, tamén remitido pola Deputación a todos os centros participantes”.
Con esta finalidade a Deputación editou os libros, para uso como manuais, titulados A auga, o dragón e o salgueiro -álbum para non lectores e primeiros lectores-, e A invención do salgueiro -libro ilustrado-, con historias de ficción adecuadas aos cursos de educación infantil e educación primaria respectivamente. Na presente edición a árbore protagonista, que centra as historias, é o salgueiro. As tramas de ambas desenvolvesen en espazos naturais da nosa provincia.
Para establecer as actividades elaborouse un programa con propostas de traballo e editouse unha Guía do Profesorado que achega pautas para optimizar o emprego dos libros, os cales recibirán todos e cada un dos escolares inscritos. Para chamar a atención nos propios centros escolares sobre o evento editouse o correspondente cartel.