122 nenos iniciaron o curso na Escola Infantil pontesa da Barosa
A Escola Infantil Municipal A Barosa comezou o curso escolar 2018-2019 con 122 nenos matriculados. Durante este novo período lectivo, o centro educativo puxo a disposición dos veciños un total de 182 prazas das que aínda quedan 60 libres, a maioría na queda de tarde.
No grupo de 0 a 1 ano hai un total de 10 prazas cubertas das 24 ofertadas, quedando 4 vacantes na queda de mañá e 10 prazas libres no turno da tarde. No grupo de 1 a 2 anos a oferta de prazas ascendía a 78, cubríndose o total das prazas do horario de mañá e quedando 26 prazas libres polas tardes. Mentres que na franxa de 2 a 3 anos están cubertas as 40 prazas que se ofertaban na quenda matinal e quedan, aínda, 21 prazas libres no horario de tarde.
Desde o Concello de As Pontes, Isabel Fornos, responsable da área de Benestar Social, resalta o bo funcionamento e acollida deste servizo, do que cada ano fan uso un gran número de familias, “grazas á constante aposta do goberno local para mellorar e ampliar as instalacións e servizos da Barosa co obxectivo de facilitar o acceso a todos os veciños á escolarización temperá dos seus fillos”
Por outra banda, tamén apunta que o servizo de comedor, ampliado a 49 prazas no ano 2016, está completo e que existe unha pequena lista de espera que, grazas o esforzo do grupo de goberno, desaparecerá durante as primeiras semanas de outubro.
“Por cuestións de organización e adaptación, os nenos de novo ingreso incorporaranse ó comedor o día 1 de outubro, mentres que os menores que se atopan en lista de espera farano o día 8, co que daremos resposta ás demandas dos pais do alumnos, referendando o noso compromiso por mellorar a conciliación da vida laboral e familiar dos usuarios do centro educativo” subliña Isabel Fornos.