16 xornalistas e expertos en viaxes coñecen o Camiño Norte co FAMTRIP
16 expertos en turismo, como xornalistas e representantes nacionais e internacionais de axencias especializadas coñecen o Camiño Norte co FAMTRIP da Deputación. Trátase dunha viaxe que ofrece o organismo provincial durante os días 7, 8 e 9 de febreiro de 2019 co que o Goberno Provincial busca que axencias e profesionais do sector turístico vivan a experiencia do Camiño Norte e coñezan o seu potencial, co fin de dinamizar turísticamente de cara ao próximo Xacobeo 2021 e convertelo nunha alternativa idónea ao masificado camiño Francés.
O deputado de Turismo, Eduardo Vidal, que realizou parte do camiño xunto aos participantes desta acción destacou que “este FAMTRIP ou viaxe de familiarización por terras lucenses do Camiño do Norte é o mellor escaparate para impulsar este importante produto turístico que atravesa a nosa provincia. Ao vivir a experiencia en primeira persoa, as axencias de viaxes participantes poderán transmitir e vender mellor aos seus clientes este destino xacobeo da provincia de Lugo. Os xornalistas especializados en viaxes difundirán nas súas reportaxes, con maior detalle, todos os encantos e recursos naturais, histórico-culturais e gastronómicos do Camiño do Norte ao seu paso pola nosa provincia”.
O Camiño do Norte consolidouse no terceiro posto dos camiños, por detrás do Camiño Francés e do Camiño Portugués. En 10 anos, triplicou o número de peregrinos sendo escollido por case 20.000 peregrinos na súa peregrinaxe a Compostela segundo os datos de 2018 da ‘Oficina de Acogida al Peregrino del Arzobispado de Santiago’. Trátase dun Camiño menos masificado e con moito potencial de crecemento.
Eduardo Vidal subliñou que “ante a próxima celebración do Xacobeo 2021, con este FAMTRIP queremos dar a coñecer os atractivos desta ruta xacobea, que discorre preto da xoia natural da Praia das Catedrais, para que máis peregrinos se decidan a facer o Camiño do Norte na súa peregrinación a Compostela”.
Os participantes percorrerán varios tramos dalgunhas etapas do Camiño do Norte e visitarán os lugares histórico-culturais e gastronómicos do entorno máis relevantes; o casco histórico de Ribadeo, a Monumental Praia das Catedrais, o Mosteiro de San Salvador de Lourenzá e o casco antigo e Catedral de Mondoñedo entre outros.
Na primeira das 3 xornadas deste FAMTRIP do Camiño do Norte por terras lucenses, os 16 representantes das axencias especializadas no Camiño de Santiago e medios de comunicación de viaxes iniciaron a súa viaxe en Ribadeo. A monumental Praia das Catedrais, o casco histórico de Ribadeo, o Pazo de Tovar e o Mosteiro de San Salvador de Lourenzá son os atractivos naturais e históricos do entorno do Camiño do Norte que visitaron.
Na segunda xornada do FAMTRIP, o venres 8 de febreiro, estes profesionais do turismo percorrerán, pola mañá, 2 km do tramo de entrada do Camiño Norte en Mondoñedo. Nesta localidade lucense realizarán unha visita guiada por Mondoñedo para coñecer o patrimonio histórico-artístico do seu casco antigo e da súa Catedral. Despois desprazaranse ata o Centro de Interpretación do Camiño e o Barrio Artesán dos Muíños. Pola tarde percorrerán outros 2 km do Camiño do Norte, o tramo Castromaior–Martiñán.
No terceiro e derradeiro día deste FAMTRIP promovido pola Deputación, o sábado 9 de febreiro, os representantes de axencias especializadas no Camiño visitarán o Museo de Arqueoloxía e Prehistoria de Vilalba, unha queixería D.O San Simón da Costa e percorrerán outros 2 km do tramo San Alberte do Camiño do Norte.
Participantes no FAMTRIP
En total son 16 representantes de axencias especializadas no Camiño de Santiago e xornalistas especializados en viaxes os que asisten a este FAMTRIP que organiza a Deputación de Lugo. A participación internacional ven representada por: Go Camino de Bélxica, MAE Peregrina Tours de Portugal; Ponte Atlántica Produçao de Brasil, Traveller 24.com de Sudáfrica, Walk the Camino e Corazón Travel de Inglaterra. Como representantes nacionais participan Revista Otros Destinos, Viajar, Correos, La Razón, Go Travel y Spain is More.