O PP califica de "tempo perdido" os tres anos de Goberno socialista en Vilalba
A voceira popular, Sandra Vázquez, puxo como exemplo de decisións tomadas polo goberno local contra os intereses dos veciños “a unidireccionalidade da rúa da Pravia, unha zona azul confusa ou non ofrecer alternativas de aparcamento”.
“Os tres anos de goberno de Elba Veleiro foron tempo perdido para o concello de Vilalba, paralizado pola súa total falta de xestión”. Así o manifestou en rolda de prensa a voceira popular, Sandra Vázquez, acompañada por outros membros do grupo municipal do PP e do comité executivo da formación local.
Os populares incidiron na “falta de xestión do goberno local socialista, no abandono da zona rural e na carencia de proxecto de futuro para Vilalba” o que supón “tres anos nos que Vilalba non deu ningún paso adiante”. É máis, “as decisións deste goberno non teñen en conta aos veciños e, aínda por riba, van en contra dos seus intereses”. Así o explicou en referencia ao “caos circulatorio” que prexudica ao comercio e á hostalería tras implantar sen ningún tipo de consenso a unidireccionalidade da rúa da Pravia, unha zona azul confusa ou non ofrecer alternativas de aparcamento”. A popular considera que “este non é o goberno que merece Vilalba e os vilalbeses”.
Vázquez enumerou “os numerosos exemplos de xestión ineficaz do PSOE nestes tres anos de mandato en Vilalba”. Ás desacertadas decisións en materia de mobilidade urbana engadiu outros exemplos coma: “a esquecida RPT, o contrato do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria caducado, a perda de subvencións doutras administracións -o Concello tivo que devolver unha axuda de máis de 43.000 euros da Deputación-, o seu despilfarro económico – un millón para tirar o parque acuático e construír unhas piscinas mentres os vilalbeses pasan catro veráns sen recursos acuáticos, outro millón para o proxecto da rúa da Pravia, obras en mal estado ás poucas semanas e gastos do FIV aínda sen aclarar-”.
“Hai que lembrar tamén a súa incapacidade para elaborar un proxecto de orzamentos, consensualos coa oposición tendo en conta a súa condición de goberno en minoría trala ruptura unilateral do pacto de goberno con Vilalba Aberta e levalos ao pleno para aprobalos. En tres anos non presentaron nin un só orzamento municipal e, polo tanto, están gobernando coas últimas contas deseñadas polo goberno do PP e aprobadas co voto en contra do propio PSOE”, explica.
Vázquez condenou tamén “o descarado abandono á zona rural” que continúa “coas pistas en moi mal estado, con fochancas perigosas e sen ningún tipo de mantemento. “A pesar da imperiosa necesidade que levamos tempo visibilizando e as propias promesas do goberno local, aínda non se iniciaron os traballos de reparación da extensa rede viaria municipal”. Igualmente, lembra que o Grupo Municipal Popular tamén levou a pleno unha proposta para mellorar a sinalización do rural, pero a pesar de ser aprobada a comezos deste ano, aínda non se levou a cabo ningún tipo de actuación”. Pero estas non son as únicas desatencións ás parroquias: “tampouco se planificou o desbroce das pistas, nin se programan cursos polas parroquias e, en xeral, teñen abandonadas ás asociacións de veciños”. Así mesmo, a voceira popular lembrou a lista de agarda para recibir o servizo de axuda no fogar cando “a Xunta tenlle asignadas máis horas ao Concello de Vilalba e, polo tanto, podería estar atendendo a máis persoas que o precisen”.
En xeral, os populares advirten da “falta de proxecto de futuro para Vilalba por parte do goberno socialista” que se aprecia na parálise do PXOM e do proxecto de ampliación do polígono industrial que é fundamental para a creación de postos de traballo e, polo tanto, para asentar poboación. O PSOE non ten miras de futuro, pero tampouco capacidade para xestionar o día a día tendo en conta, por exemplo, que tampouco cumpriu co acordo plenario para colaborar coa asociación de empresarios Sete Pontes nin é capaz de acondicionar o polígono industrial”.