"A principal necesidade é a de ter un local propio, sería ideal ter un espazo de uso exclusivo do grupo"
Pilar Otero, membro da directiva da Asociación Buxos Verdes da Chaira
A Asociación Cultural Buxos Verdes de Vilalba celebrou este sábado a súa festa de 20 aniversario no auditorio, unha reunión de amigos, ex membros e colaboradores deste grupo, na que houbo tempo para todo.
Obradoiros para todos os públicos, sesión vermú, xantar e foliada completaron un programa que buscaba festar a pegada deste grupo durante estes vinte anos.
Cando naceu a asociación e que percorrido tivo nestes anos?
A asociación Buxos Verdes da Chaira nace como asociación propiamente dita en plena pandemia, no 2020, xusto 20 anos despois da creación do grupo que, ata ese momento estaba incluido dentro do Iescha.
No ano 2000 eramos un grupo de rapazas (en feminino, porque todas as fundadoras de Buxos Verdes eramos mulleres: gaiteiras, tamborileira, etc.) que decidimos dar un paso adiante e formar o noso propio grupo dacordo aos nosos intereses e expectativas. E así comezou a andaina de Buxos Verdes, cunha primeira actuación nas festas do Cristo, do barrio dos Catro camiños de Vilalba, que se retomaban despois de varios anos sen facerse.
Desde o primeiro momento tivemos apoios indispensables para poder seguir adiante e por iso temos que agradecer a axuda de Aurora, unha das organizadoras daquela festa, veciña e amiga á que lembramos con moito agarimo, que contou con nós para esa primeira actuación, a de Irimia e Araceli, dúas grandes persoas que colaboraron moito neses primeiros pasos, e, por suposto, nunca esqueceremos a acollida por parte do Iescha que fixo que se puidese garantir a continuidade do novo grupo e que chegaramos ata o punto no que agora nos atopamos. Tamén hai outros nomes propios moi importantes no grupo: Xan Baamonde (o Xan do Camba), Mónica e Leila, por exemplo.
Cal é o obxectivo da mesma? Con que intención se fundou?
A intención coa que se fundou o grupo inicialmente foi o de poder levar adiante a nosa forma de entender a música tradicional e a súa transmisión ás futuras xeracións, dacordo aos nosos intereses e expectativas, co obxectivo principal de desfrutar facendo o que máis nos gusta: tocar para que outras persoas o pasen ben e bailen, canten ou simplemente nos escoiten.
Se falamos da intención de mudar o grupo a asociación, non é outra que a de poder xestionar de maneira máis directa as posibles subvencións ás que podemos optar tendo entidade propia como asociación. O vínculo co Iescha xa non é directo máis desde logo si o é e o seguirá sendo desde o punto de vista emocional. Nunca esqueceremos o abrigo que tivemos durante 20 anos.
Celebran este ano o 20 aniversario da asociación. Como se vive este momento?
Con moitas ganas e moita ilusión. Xa queríamos levar a cabo esta celebración desde hai un par de anos, mais a pandemia fixo que non puidera ser ata agora. Neste momento as emocións, as lembranzas, as anécdotas son moitas e tamén son moitas as ganas de festa e de que todo o mundo recorde este 20º aniversario con agarimo. Por iso gustaríanos que todas as persoas que pasaron por Buxos ou que teñan algún vínculo co grupo estean con nós, celebrando.
"A intención coa que se fundou o grupo inicialmente foi o de poder levar adiante a nosa forma de entender a música tradicional e a súa transmisión ás futuras xeracións"
"Procuraremos organizar algún outro evento, ofrecer máis obradoiros e planificar algún intercambio"
Cal é o segredo de manterse activos todo este tempo?
Supoño que certa anarquía, que sempre está presente tanto no funcionamento como no espírito de cada unha das persoas que formamos o grupo. A liberdade, a sensación de círculo aberto e acolledor creo que pode ser unha das claves. Pero tamén a teima de moitas persoas que incluso nos momentos máis baixos seguiron aí, apostando por Buxos.
Que vinculación teñen con Vilalba?
Toda. Somos un grupo que nace e medra en Vilalba. A maioría das persoas que conforman Buxos vive na vila ou nas parroquias do concello de Vilalba. Algunhas de nós xa non vivimos en Vilalba pero seguimos mantendo o fío de unión que nos conecta co pobo precisamente a través do grupo.
Por que o nome de Buxos Verdes?
Pola primeira peza que aprendimos a tocar, que ten ese nome. Pensamos inicialmente en Cova da serpe, dos nosos admirados Xorima, que sempre nos gustou tocar, pero xa había unha asociación que levaba ese nome, así que pensamos nesa primeira peza, sinxela, como as nosas pretensións.
Canta xente pertence á asociación?
Actualmente somos uns 35 socios e socias.
Que actividades realizan durante o ano?
A actividade principal son as aulas de música (gaita e percusión) e canto. Tamén houbo baile e non descartamos volver ofrecelo como actividade. Aparte diso organizamos algún obradoiro específico (como o de creación de pandeiros) e participamos en diversos eventos ao longo do ano (foliadas, festas patronais, efemérides varias, etc.).
Notaron un crecemento na afiliación da asociación?
Si. Cada vez hai máis socios e socias porque ademais resulta vantaxoso economicamente, pois nas aulas e nos obradoiros tense en conta o feito de pertenecer ou non á asociación.
De cara ao futuro que proxectos teñen?
Seguir medrando e ampliando a oferta de actividades. Dar continuidade ao noso proxecto é o noso obxectivo prioritario. Procuraremos organizar algún outro evento, ofrecer máis obradoiros e planificar algún intercambio.
Contan con axuda para manter a asociación activa?
Si, por suposto. Ademáis da propia axuda das persoas asociadas temos axudas do Concello de Vilalba e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Non só para a organización deste 20º aniversario senón en xeral para todas as actividades que realizamos. Aparte das importantes axudas económicas por parte de ambas administracións por medio de subvencións, tamén hai que lembrar o apoio loxístico e de medios (por exemplo coa cesión de espazos para os ensaios do grupo).
Que necesidades se lles plantexan?
A principal necesidade é a de ter un local propio. Sería ideal ter un espazo de uso exclusivo do grupo para poder deixar alí os instrumentos máis pesados, por exemplo, ou para ter onde poñer os nosos recordos e diplomas, que actualmente están distribuidos nos fogares de varias persoas asociadas, e mesmo para poder dar as aulas sen necesidade de adaptarnos aos horarios marcados. Tentaremos negociar un posible convenio para a cesión dun espazo público con este fin.
Que obxectivos teñen de cara ao futuro?
Como xa dixemos, o feito de dar continuidade ao noso proxecto é o noso obxectivo prioritario. Procuraremos organizar algún outro evento, ofrecer máis obradoiros, negociar un posible convenio para chegar a ter un local propio, aumentar a oferta de aulas e planificar algún intercambio entre asociacións culturais.