20 persoas aprenderon a identificar aves acuáticas na Lagoa de Cospeito

TerraChaXa
20 persoas participaron no obradoiro gratuíto Curso de iniciación ás aves acuáticas invernantes da Reserva da Biosfera Terras do Miño, que ofrece a Deputación a través das actividades medioambientais do Río Rato.
OBRADOIRO
11 Feb 2019

20 persoas participaron no obradoiro gratuíto Curso de iniciación ás aves acuáticas invernantes da Reserva da Biosfera Terras do Miño, que ofrece a Deputación a través das actividades medioambientais do Río Rato. A actividade, que transcorreu na Lagoa de Cospeito, consistiu na identificación das distintas especies que habitan o territorio da reserva.

O Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, subliñou que “con este tipo de actividades de campo contribuímos a que os lucenses coñezan a diversidade dos animais que habitan o noso territorio. Neste caso, o obradoiro dedicouse ás aves acuáticas que os participantes puideron ver no seu hábitat desde varios puntos de observación da Lagoa de Cospeito”.
“O que pretendemos con este tipo de actividades é que a xente aprenda a mirar a natureza para crear unha conciencia de conservación e para que a xente aprecie a multitude de beneficios que esa conservación da natureza e das distintas formas de vida que habitan nela teñen para todo o mundo”, destacou.

O obradoiro tivo unha duración de 4 horas nas que os participantes aprenderon sobre a bioloxía e o estado de conservación das especies que habitan na Reserva da Biosfera Terras do Miño. A parte práctica consistiu na identificación en campo dos exemplares.

0.20240020751953