20 proxectos tiveron o apoio do GDR a través das axudas Leader

TerraChaXa
A entidade estreou este ano web turística e unha rede de escape rooms
jose-antonio-lopez-sierra-presidente-gdr-terra-cha
25 Dec 2025

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terra Chá subvencionará un total de 20 proxectos públicos e privados a través das súas axudas Leader de 2025. Será un investimento total de preto de 1,13 millóns de euros para proxectos produtivos, iniciativas non produtivas privadas e actuacións promovidas por entidades públicas. En conxunto, foron aprobadas 20 solicitudes das 26 presentadas que mobilizarán achegas superiores ao medio millón de euros na comarca.

No capítulo de proxectos produtivos, o GDR apoiará actuacións en sectores como o turismo, a industria agroalimentaria, a innovación empresarial ou os servizos profesionais. Entre as iniciativas aprobadas figuran a creación de establecementos turísticos e deportivos, a adquisición de maquinaria, a posta en marcha de servizos especializados ou melloras en empresas de distintos concellos da Terra Chá. En total, este apartado suma un investimento de 886.435 euros e unha axuda global que supera os 407.000 euros. Ademais permite a creación de 3 novos postos de traballo e a consolidación doutros 45.

No apartado de proxectos non produtivos privados, as axudas diríxense a entidades sociais e culturais que promoven iniciativas de interese comunitario. O investimento total nesta categoría ascende a máis de 66.000 euros, cunha axuda aprobada de case 30.000. Entre os proxectos apoiados atópanse a elaboración dunha ruta sobre a colonización da Terra Chá, a mellora da accesibilidade en centros sociais e a adecuación de espazos museísticos.

As entidades públicas tamén recibirán apoio para actuacións centradas na mellora de infraestruturas municipais, acondicionamento de locais sociais e reforzo de servizos de proximidade. O orzamento conxunto destas intervencións supera os 183.000 euros, dos cales preto de 150.000 corresponden a axudas concedidas polo GDR Terra Chá.

As propostas de maior contía corresponden a unha pensión en Muras e un centro deportivo ecuestre en Begonte. Por outra banda, o termo municipal que recibirá máis axudas este ano é Cospeito, con 6 proxectos, catro produtivos e 2 non produtivos privados. Vilalba tamén conta con achegas para cinco proxectos.

A entidade lembra que o investimento aprobado contribuirá ao desenvolvemento económico, social e cultural da comarca, impulsando tanto o emprendemento como a mellora dos servizos e equipamentos comunitarios.

O presidente da entidade, José Antonio López Sierra avanzou ademais que para o 2026 está prevista unha convocatoria de axudas aínda maior, polo que anima a pequenas empresas, autónomos, cooperativas, sociedades e asociacións sen ánimo de lucro “a presentar os seus proxectos e aproveitar esta oportunidade para facer medrar a Terra Chá”.

OUTROS PROXECTOS

Durante o ano, a actividade do GDR Terra Chá non parou e destacou por dúas accións. Unha delas foi a estrea da súa nova web de turismo, cun deseño máis moderno e con información moito máis ampla.

Ademais, xunto a outros tres Grupos de Desenvolvemento Rural galegos —Terras de Miranda, Seitura e Montes e Vales Orientais— puxeron en marcha un proxecto de cooperación co obxectivo de dinamizar o turismo interior e poñer en valor o patrimonio cultural e natural dos seus territorios.

Co nome Xogal consistiu na realización dunha rede de escape rooms, repartidos entre os catro territorios. En total, desenvolveranse dous en Terra Chá, dous en Montes e Vales Orientais e tres en cada un dos outros dous territorios participantes, o que permitiu que os visitantes descubriran as singularidades locais a través dun formato lúdico e participativo. O de Vilalba foi o primeiro e rematou o seu paso pola comarca en Abadín.

os-proxectos-gdr-terra-cha
⚙ Configurar cookies
0.098693132400513