200 xinetes participan este sábado na primeira edición de As Pontes Ecuestre

TerraChaXa
Douscentos xinetes daranse cita este sábado, 3 de xuño, no lago das Pontes para participar na primeira edición de As Pontes Ecuestre".
presentacion as pontes ecuestre
2 Jun 2023

Douscentos xinetes e amazonas daranse cita este sábado, 3 de xuño, no lago das Pontes para participar na primeira edición do evento "As Pontes Ecuestre" organizado polo Concello das Pontes en colaboración coa Federación Galega de Hípica e o club hípico local Prado Ventura.

Durante a rolda de prensa de presentación do evento, o concelleiro de Deportes, Chicho Tembrás, quen estivo acompañado por Federico Pérez Lago, presidente da Federación Hípica de Galicia, Ana González, vocal de andadura da Federación Hípica de Galicia, Natividad González Laso, e Noa García, presidenta e directora deportiva, respectivamente, do club hípico Prado Ventura, fixo fincapé na importancia desta iniciativa que "ten co obxectivo promocionar a actividade ecuestre na vila, con gran tradición no municipio, potenciando, ao mesmo tempo, a contorna do lago, na que se combinan diferentes tipos de superficies, como escenario idóneo para a práctica de deporte hípico federado."

Pola súa banda, Federico Pérez Lago, agradeceu ao Concello das Pontes e a club Prado Ventura a súa colaboración para poñer en marcha o evento "unha proposta que non é nova e que resulta moi atractiva xa que As Pontes reúne unhas condicións marabillosas para o desenvolvemento de actividades relacionadas co mundo do cabalo."

Noa García, directora deportiva do club hípico local Prado Ventura, sinalou a importancia do evento para "visualizar esta práctica deportiva e a labor que se está a realizar desde o club no municipio das Pontes e achegar a máis ponteses e pontesas ao mundo do cabalo. Agradecer tamén a participación dos clubs nas tres probas que se van a disputar o sábado, esperando que sexan cada vez máis os clubs que se unan en vindeiras edicións".

O presidente da Federación Galega de Hípica explicou que a xornada comezará ás 11:00 horas coa primeira manga do Campionato de Galego de Andadura, na que se darán cita 130 xinetes e amazonas, proba que se disputará nas modalidades de serrada e chapeada para cabalos de menos e máis de 1,50 mtos. de alzada.

A continuación, a partir das 13:00 horas comezar o Concurso Hípico, proba de saltos de obstáculos na que participarán xinetes e amazonas de clubs hípicos federados procedentes de diversos puntos de Galicia, no que se optou por formato de concurso que mistura a proba de campo dun concurso de equitación e o propio concurso de saltos. A xornada da mañá rematará ás 14:30 horas coa entrega de premios deste concurso.

A partir das 15:00 horas dará comenzo Copa Galega de Enganche, disciplina ecuestre moi espectacular con variedade de carruaxes deportivos (sulkies, limoneras e troncos) e sobre ás 17:00 horas disputarase a segunda manga do Campionato Galego de Andadura. Ás 19:00 horas será a queda do acto de entrega de premios de ambas probas.

Finalmente, a veciñanza e público asistente poderá gozar, a partir das 19:15 horas do espectáculo "Duende Ecuestre" no que se mistura unha exhibición de distintas modalidades da doma de cabalo, como a doma clásica, a alta escola, a doma vaqueira ou as rendas longas, con baile flamenco e ballet clásico.

Ademais durante a xornada da tarde, celebraranse bautismos hípicos, unha actividade a través da que o público asistente poderá iniciarse nesta práctica deportiva.

presentacion as pontes ecuestre cartaz
0.17639207839966