Escolares do CEIP Terra Chá fixeron un tramo do Camiño Norte
O Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Terra Chá da parroquia de Román, en Vilalba, participa no programa da Xunta Vexo Veo Xacobeo, que busca difundir o valor do Camiño de Santiago entre os escolares de toda Galicia.
Preto de 70 nenos e nenas do centro vilalbés fixeron un percorrido polo Camiño Norte que partiu da ponte de Saa. Desfrutaron ademais dunha sesión de contacontos relacionado coa ruta xacobea e gravaron un documental.
Arredor de 770 alumnos de Infantil e Primaria de nove colexios da provincia participan este curso no Vexo Veo Xacobeo, impulsado por Turismo de Galicia dentro do Plan Proxecta da Xunta para centros educativos.
O obxectivo é fomentar que os máis cativos coñezan toda a riqueza natural e patrimonial que hai arredor do Camiño e aprendan a valoralo e a coidalo”, dixo o delegado. Engadiu que o fan “dun xeito totalmente lúdico a través de actividades didácticas e amenas, que procuran promover entre os nenos e nenas o interese pola ruta xacobea, un dos patrimonios galegos máis célebres.
Ademais do CEIP Terra Chá, os demais centros lucenses participantes este curso son o CPI de Castroverde; os CEIP Luis Pimentel e Quiroga Ballesteros de Lugo; San Xoán de Becerreá; Xoán de Requeixo de Chantada; Virxe da Luz de Portomarín; Gregorio Sanz de Ribadeo e a Escola de Educación Infantil (EEI) Xela Arias de Sarria.