208 cabezas de gando estarán en Muimenta no concurso Fefriga 2022, dentro da Moexmu

TerraChaXa
A Comisión da XXXVIII edición da Mostra Exposición de Muimenta presenta os carteis anunciadores da feira deste ano.
moexmu cospeito muimenta
2 Mar 2022

Un total de 208 cabezas de gando están xa inscritas para a celebración do XXX Concurso Autonómico de Raza Frisona Fefriga 2022, que se celebrará este ano dentro da XXXVIII edición da Mostra Exposición de Muimenta, Moexmu, tal e como subliñaron dende a comisión organizadora. 

Para a organización, o XXX Concurso Autonómico de Raza Frisona Fefriga 2022 "constitúe un verdadeiro respaldo ás actividades que dende o 1987, ano da celebración do primeiro Concurso de Gando na Mostra Exposición Muimenta, levan a cabo os empresarios de Muimenta, a través das comisión da Moexmu", explican dende a organización.

A efectos do concurso autonómico sólo poden participar animais nacidos en Galicia e propiedade de ganderías galegas. A maioría delas son de Lugo, A Coruña e Pontevedra.

A data prevista para a seguinte edición de Moexmu será os días 1, 2 e 3 de abril de 2022, acadando a XXXVIII edición da Mostra Exposición de Muimenta, o XXXVI Concurso de Gando Frisón, a XXXVI Exposición de Gando de Raza Rubia Galega e a XXVI Poxa de Gando Selecto.

Igualmente, a comisión organizadora da Moexmu consolida o seu programa de actividades para o domingo 3 de abril, a partires das 16:30 horas co IV Campionato de raza Can de Palleiro, no propio Recinto Feiral Manuel Vila López de Muimenta.

Dito concurso está reservado para os cans da mencionada raza, inscritos no Libro de Oríxenes da Xunta de Galicia e maiores de tres meses. O mesmo é puntuable para o XVI Monográfico de raza Can de Palleiro 2022.

Para apuntarse, debe dirixirse ao enderezo electrónico: candepalleiro@clubcandepalleiro.com e obter información na súa páxina web (www.clubcandepalleiro.com).

0.12630295753479